As prazas da Ferrería e A Verdura centran a xornada de reflexión pontevedresa
Por Redacción
Despois dunha intensa campaña electoral, na que percorreron centos de quilómetros entre acto e acto, os candidatos a Congreso dos Deputados e Senado pola provincia de Pontevedra aproveitan a xornada de reflexión para recuperar forzas.
No medio dun ambiente de calma, a pontevedresa Praza da Ferrería foi un dos lugares onde se deixaron ver algúns políticos durante a mañá do sábado, xa sen falar de mitins e votos.
A primeira en chegar foi a ministra de Fomento e candidata polo Partido Popular, Ana Pastor, que acompañada do seu marido aproveitou para tomar un café ao sol na terraza da cafetería San Francisco.
Á beira, no Carabela, reuníanse á vez algúns dos representantes do Partido Socialista, co número dous ao Congreso Guillermo Meijón.
Pola súa banda, a escasos metros pero un pouco máis tarde foi Ángela Rodríguez, número dous por En Marea, quen aproveitou a xornada para tomar un vermú coa súa nai no medio dun grupo de amigas.
Non anunciou actividade Nós Candidatura Galega, con Carme Adán como número un dunha lista electoral por Pontevedra ao Congreso que pecha o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, apostando polo descanso na xornada previa ás votacións.
Este domingo están chamados ás urnas un total de 901.969 pontevedreses.
Relacionadas:
-
O PSOE queda sen representación pontevedresa no Senado
Por Diego Espiño |
-
O PP mantense como partido máis votado na provincia, con En Marea como segunda forza
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Os pontevedreses acoden á cita coas urnas
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
2.372 axentes velarán pola seguridade na provincia durante a xornada electoral
Por Redacción |