Un Nadal desde as alturas
Por Redacción & Cristina Saiz
Coma se de rapaces se tratasen, houbo quen non se resistiu a probar a gran atracción que trae a Pontevedra este ano Pontexogos. A tirolina que une a Alameda e a praza de España está chamada a ser un símbolo do Nadal pontevedrés e, durante a inauguración desta actividade, xa os primeiros valentes quixeron soltar adrenalina subindo a ela.
Esta tirolina ten oito metros de alto e un percorrido total de cen metros. Está pensada para nenos, mozos e adultos.
Pero Pontexogos oferta moitas máis actividades. Na carpa instalada na praza de España, entre outras actividades, haberá xogos, inchables e obradoiros para os máis pequenos e, para os máis crecidos, un rocódromo e unha zona multiaventura na que se irán lanzando retos que levarán aos participantes a percorrer a cidade nunha divertida xincana.
Pontexogos estará aberto ata o 4 de xaneiro en horario de 12 a 14.30 horas, e de 16.30 a 20.00 horas, salvo os días 25 de decembro e 1 de xaneiro nos que o espazo permanecerá pechado.
NADALOCIO NO RECINTO
Ademais, a pista de xeo será de novo a principal atracción de Nadalocio no Recinto Feiral ata o próximo 10 de xaneiro. Estará aberta de luns a domingo de 16.30 a 23.00 horas e de 12.00 a 19.00 horas os días 24 e 31 de decembro. O acceso á pista e os patíns son cinco euros e as luvas un euro máis. Os menores de oito anos deberán ir acompañados dun adulto.
Tamén se habilitaron un parque de ocio, unha zona infantil con inchables e ludoteca, tobogáns, un circuíto de bicicletas, trampolíns e un circuíto de karts no exterior. Esta última actividade ten un prezo de sete euros para os adultos e de cinco para os nenos. Os biprazas custan oito euros por viaxe.
Relacionadas:
-
Un día de Reis a cuberto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Diversión sobre xeo no Recinto Feiral
Por Diego Torrado |
-
Quince anos regalando artesanía
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
As obras diante do Hospital obrigan a cambiar o percorrido da Cabalgata de Reis
Por Redacción |
-
Activan un plan para ter un comercio seguro este Nadal
Por Redacción |