A Xunta insta a Ponte Caldelas a "dar un pulo definitivo" ao seu PXOM
Por Redacción
O PXOM de Ponte Caldelas leva redactándose desde o ano 2000 e a Xunta de Galicia quere que o goberno municipal lle dea un "pulo definitivo" á súa tramitación. ÿ a conclusión da xuntanza que mantivo a secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, e o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez.
Encarnación Rivas sinalou que o Concello de Ponte Caldelas debe facer ese esforzo para que o urbanismo deste municipio "se rexa por un planeamento adaptado á lei vixente e non por unhas normas subsidiarias, aprobadas en 1993". Na actualidade, o equipo redactor está rematando a adaptación do documento á LOUG que será remitido á Xunta para a emisión do informe previo á aprobación inicial.
Neste sentido, a secretaria xeral de Urbanismo ofreceu a colaboración do seu departamento para que este concello pontevedrés poida acadar a aprobación definitiva do seu plan xeral de ordenación municipal.
A secretaria de Urbanismo que xa mantivo unha reunión anterior co alcalde en 2011para desbloquear a redacción do plan xeral, reiteroulle a colaboración da sección de Urbanismo da Xunta para superar este paso fundamental no menor prazo e sumarse deste xeito ao grupo dos 65 concellos que na actualidade contan con plan de ordenación adaptado á LOUG.
Ademais da colaboración técnica, a Xunta tamén apoia o desenvolvemento deste proxecto urbanístico cunha axuda económica de máis de 130.000 euros.