Aproban as bases para solicitar as axudas dos ARI de Estribela e o centro histórico
Por Redacción
A Xunta de Goberno local aprobou este luns as bases reguladoras das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na área de rehabilitación integral do núcleo de Estribela e do conxunto histórico de Pontevedra.
Entrarán en vigor unha vez que saian publicadas no Boletín Oficial de Pontevedra (BOP) -será nesta semana ou na que vén- e os interesados terán un prazo de 30 días naturais para presentar as súas solicitudes.
Segundo explicou o portavoz do goberno, Raimundo González, para o barrio de Estribela están previstas axudas valoradas en 219.268,72 euros, dos cales o Ministerio de Fomento achegará 76.684 euros e o resto os particulares. No centro histórico, as axudas serán de 1.437.000 euros, dos cales Fomento achegará 503.000 euros e o resto correrá a cargo dos particulares.
As bases fixan que o máximo de financiación será do 35% do proxecto, pero nunca poderá superar a contía de 11.000 euros. No ámbito privado pódense facer arranxos nas fachadas, cubertas e na carpintería exterior, arranxos nos espazos comúns e en vivendas.
Pola súa banda, no ámbito público, está previsto a reforma das rúas Pratería Vella (92.000 euros) e Tristán de Montenegro (88.000 euros), así como inversións no xacemento de Valentín García Escudero (44.000 euros), onde está previsto mellorar o peche perimetral, a sinalización e a iluminación.
Tamén se farán inversións públicas en rúas de Estribela para rematar a rúa do Mercado (24.800 euros), a rúa Comboa e unha parte de Marqués de Valterra (31.250 euros).
LICENZA PARA VALDECORVOS
Ademais, a Xunta de Goberno concedeu este luns, tal e como estaba previsto, a licenza de primeira ocupación para as 132 vivendas sociais que a Xunta de Galicia promoveu no polígono de Valdecorvos. Esta autorización foi posible despois de que o goberno galego, segundo informou o Concello, entregara nos últimos días o certificado de illamento acústico que faltaba para poder obter o visto bo dos técnicos municipais.
Relacionadas:
-
Os donos de 21 vivendas do casco histórico e de Estribela piden rehabilitalas con cargo ao ARI
Por Redacción |
-
O día 20 conclúe o prazo para optar ás axudas da ARI de Estribela e o centro histórico
Por Redacción |
-
O Concello agarda que o ARI do centro histórico sirva como "estímulo" para os propietarios
Por Alejandro Espiño |
-
Con atraso e peor dotado, pero á fin chega o ARI do centro histórico
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello propón un investimento de seis millóns de euros no ARI do centro histórico
Por Redacción |