Case 5.000 personas viron en Youtube a reportaxe sobre Pontevedra do viaxeiro Diego Pons
Por Alejandro Espiño
Case 5.000 reproducións. Son as visitas que, en apenas catro días, conseguiu o vídeo sobre Pontevedra que gravou Diego Pons, un coñecido videoblogueiro experto en viaxes. A cidade forma parte xa da selecta colección de 44 destinos dentro do canal de YouTube "Viajando con Diego". A reportaxe está centrada en Pontevedra, pero dá tamén un repaso ás posibilidades de lecer máis próximas en Poio, Marín e Ponte Caldelas.
O vídeo, gravado o pasado mes de novembro, tamén aloxado no canal propio de "Visit-Pontevedra". A concelleira de Turismo, Carlota Román, está encantada con esta achega. Asegura que enriquece os recursos audiovisuais pontevedreses e actualiza a última produción audiovisual do seu departamento: "Pontevedra é un amor", que xa tivo unha ampla repercusión na rede.
A edil destacou a aposta que o seu departamento está a facer pola promoción da cidade a través das redes sociais, "unha fórmula que resulta barata e achega resultados magníficos". Di a edil socialista que "estamos diante dun vídeo moi especial, centrado no punto de vista dun turista, aínda que sexa de luxo, como Diego Pons". Un turista "experienciado" que ten "o talento e a frescura de amosármonos as súas vivencias nun ton afastado da clásica promoción institucional".
O propio autor confirmou estas impresións ao recalcar que traballa sen guión e, na medida do posible, sen informarse previamente. Aposta pola casualidade e por unha regra básica: "lo que a mi me gusta, le gusta a la mayoría de la gente". Polo tanto, o único fío condutor é tratar de pasalo ben e transmitir unha experiencia "natural". Froito deste enfoque son os saltos, os xestos, as aproximacións á cámara e as tomas falsas coas que conclúen os seus traballos.
Diego Pons subliña que o que máis lle gusta de Pontevedra é o seu carácter de cidade peonil e humana, "pero también lo bien que se come". Afirma que ten visto moitas cidades no mundo, pero "pocas que consiguieran despejar de una forma tan clara" a interferencia dos coches. Amosouse encantado coa repercusión do vídeo nestes catro días que leva colgado. "Se ve que va a funcionar bien".
O autor do vídeo, Diego Pons, é un viaxeiro incansable por todo o mundo, é un guitarrista profesional reciclado, "por casualidades de la vida", á promoción turística a través da Internet. Os seus traballos contan con centos de miles de seguidores en todo o mundo, a través de Youtube, Facebook e Twitter. Compaxina esta actividade coa música, na que nos últimos anos derivou á faceta empresarial a través da súa marca propia de guitarras e o seu obradoiro de lutier e encargado do mantemento dos instrumentos de coñecidos artistas.
Pons chegou a Pontevedra durante o pasado mes de novembro formando parte da listaxe de relatores do congreso "Ponte na rede", que ofreceu valiosos consellos de expertos en varias disciplinas para axudar ás empresas turísticas de toda a provincia a deseñar e promocionar a súa oferta na Internet.