O subdelegado do Goberno asegura que a Comisaría de Vilagarcía "cumpre cos ratios de persoal"
Por Redacción
A Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilagarcía celebrada este venres en Pontevedra serviu para transmitir unha mensaxe tranquilizadora aos cidadáns despois das últimas noticias sobre a falta de axentes da Policía Nacional na cidade. O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, informou no encontro que a comisaría vilagaciá "cumpre os ratios de persoal" e que a ausencia do servizo de patrullas nocturnas deuse nun "momento puntual" debido a "imprevistos xa resoltos".
A Xunta Local de Seguridade convocouse pola vía de urxencia a petición do alcalde, Alberto Varela, preocupado pola inquietude que se estaba a xerar entra a cidadanía polas queixas e denuncias públicas sobre faltas de efectivos na Comisaría do Cavadelo.
Segundo informou o concello nun comunicado, o rexedor, que acudiu á reunión acompañado do concelleiro de Seguridade, Juan Antonio Pérez Callón, e a xefa da Policía Local, María de Carmen Roca, comentou que os veciños de Vilagarcía "non teñen por qué preocuparse xa que a seguridade na cidade está completamente garantida e cuberta" a través da "excelente colaboración e coordinación" existente entre o Corpo Nacional de Policía e a Policía Local, ás que se suma en determinados operativos a Garda Civil.
O rexedor explicou que na reunión, na que tamén estaban presentes os mandos locais e provincial da Policía Nacional, aproveitouse para repasar os dispositivos en marcha de cara á campaña de Nadal, e o Subdelegado do Goberno deu a coñecer as cifras de criminalidade relativas ao Concello de Vilagarcía.
Segundo Coello, as cifras de delitos e faltas mantéñense en niveis similares aos de anos anteriores e na medida dos municipios galegos de similar entidade, "polo que non existe motivo de preocupación".