Parada militar da Inmaculada na Brilat coa ollada posta no que decida a OTAN
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Centos de persoas citáronse na xornada festiva deste martes 8 de decembro nas instalacións en Figueirido da Brigada de Infantería Aerotransportable, a Brilat, para participar dos actos conmemorativos da Parada Militar con motivo da celebración da Inmaculada.
Ao acto asistiron, entre outras autoridades, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; o subdelegado do Goberno, Antonio Coello; o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro e a deputada provincial Chelo Besada.
Durante a Parada Militar, o xeneral da Brilat, Luís Cebrián, no seu discurso fixo referencia aos exercicios realizados para a OTAN, como o Trident Junture, o plan máis ambicioso da Alianza Atlántica desde a caída do Pano de Aceiro. A Brilat, segundo o propio Cebrián, demostrou a súa competencia liderando formacións multinacionais nun contexto de conflito híbrido.
Por este motivo, o xefe da Brigada destacou a conclusión con éxito de dúas operacións no exterior, tanto en Afganistán como en Mali, onde se colaborou na capacitación das forzas armadas locais para afrontar a seguridade nacional. Neste sentido, Luís Cebrián fixo referencia á misión de constituír o núcleo da primeira brigada multinacional de moi alta dispoñibilidade da OTAN que está disposta a ser despregada con moi curto preaviso a calquera escenario onde a defensa colectiva ou os intereses de seguridade da Alianza Atlántica estean en xogo. En 2016 liderarán varios exercicios con participación de tropas inglesas, portuguesas e belgas, que finalizarán coa participación no exercicio Brillian Jump en Polonia.
O acto contou cun apartado de imposición de condecoracións como a da Gravata ao Guion do Rexemento de Infantería "Isabel a Católica", ademais de dúas medallas ao mérito de Protección Civil para Javier Serrano e Jesús Montoto, O sarxento Manuel Fraga Ferrín recibiu a medalla de valor acreditado por tres feitos de armas ocurridos en Afganistán en 2007 mentres o cabo José Miguel Bugallo Fernández foi condecorado coa Encomenda Real tras sufrir en 2007 un atentado, tamén nunha misión en Afganistán, no que saíu ferido cando un condutor suicida estrelouse contra o vehículo no que viaxaba.
Tamén durante esta celebración, 52 civís procedentes de distintos puntos de Galicia xuraron a bandeira ante os 1.200 soldados que conforman as unidades da Brilat con base en Figueirido e máis de 300 invitados.
PROTOCOLO DE CONTROL POR CASOS DE TUBERCOLOSE
Fontes da Brigada recoñeceron a activación dun protocolo de control da tubercolose, que se desenvolve a través do Hospital Provincial, a raiz da aparición de dous casos de militares con esta enfermidade durante os últimos días. Con todo, as mesmas fontes sinalan que non existe nerviosismo entre os integrantes das tropas ante a presenza desta infección.
Relacionadas:
-
Se estiveches na festividade da Inmaculada na Brilat, é posible que aparezas aquí
Por Mónica Patxot |
-
A Brilat culmina en Zaragoza a súa prepararación como brigada de moi alta dispoñibilidade da OTAN
Por Redacción |
-
Ensaio xeral na Brilat para despregarse en 48 horas ante unha crise de seguridade en calquera punto do mundo
Por Natalia Puga |
-
A Brilat propón celebrar o seu desfile de aniversario polas rúas de Pontevedra
-
A Brilat prepárase en Lugo como "punta de lanza" da OTAN con militares de Bélxica, Reino Unido, Portugal, Polonia e Albania
Por Redacción |
-
A Brilat transfire o mando da misión de Afganistán
Por Redacción |
-
Sexta misión (case) cumprida en Afganistán
Por Redacción |