Piden que O Areeiro inspeccione as árbores de Sanxenxo para detectar a presenza de picudo
Por Redacción
A Concellería de Medio Ambiente de Sanxenxo solicitará nos próximos días que técnicos da estación fitopatolóxica do Areeiro inspeccionen as árbores municipais para detectar con antelación a posible presenza de picudo, un insecto que se está convertendo no pesadelo de parques da provincia.
Os operarios do servizo de Parques e Xardíns están a realizar tarefas de poda que lles levaron a revisar as árbores do Parque do Espiñeiro, do Paseo de Silgar e de Baltar, sen detectar ata o momento a presenza de picudo en ningún exemplar.
Con todo, por unha cuestión de prevención, a Concellería de Medio Ambiente opta por recorrer aos técnicos do Areeiro, que a Deputación Provincial pon a disposición de todos os municipios da provincia, xa que considera que Sanxenxo non poderá manterse permanentemente illado dunha praga que está a azoutar ás palmeiras dos parques máis emblemáticos.
O persoal da estación fitopatolóxica dispón dun tratamento específico para loitar contra este insecto, que se aplica mediante a fumigación cun canón de grandes dimensións, que alcanza os 25 metros de altura e tamén funciona en horizontal.
Relacionadas:
-
Aplican un tratamento contra o picudo vermello nun total de 80 palmeiras municipais
Por Redacción |
-
Areeiro estrea coche para os seus traballos de campo
Por Redacción |
-
Preocupación ante o avance da praga do picudo vermello nas palmeiras da provincia
Por Redacción |
-
A Estación Fitopatolóxica trata de evitar o picudo nas palmeiras dos xardíns de Lourizán
Por Redacción |
-
En pé de guerra contra o picudo vermello
Por Cristina Saiz |