6 meses de multa e 10 sen carné para o camioneiro que superaba 7 veces a taxa de alcoholemia
Por Anxo Lourido
10 meses de retirada de permiso de conducir e 6 meses de multa é a sanción á que terá que facer fronte o condutor do camión de entullos, veciño de Vigo, que foi localizado dando bandazos dende a gasolineira de Os Rosales na parroquia de Salcedo ata que foi detido á altura da comandancia da Garda Civil de Pontevedra. O vehículo circulaba sentido A Coruña invadindo o carril esquerdo, volvendo ao dereito e realizando unha condución irregular. Circulou polo Nacional 550 e despois incorporouse na peaxe de Figueirido á AP-9.
O camioneiro facía caso omiso aos sinais ópticos e acústicos dos axentes que procederon a adiantalo e paralo. Foi entón cando se decataron de que o condutor presentaba sintomatoloxía de ter inxerido bebidas alcohólicas. O home de 43 anos foi sometido á proba de alcoholemia na que superou ata sete veces a taxa permitida para condutores profesionais. Na primeira proba xa presentou unha taxa de 1,07 mg/l e na segunda proba 1,11 mg/l polo que se lle imputou un delito contra a seguridade vial.
Á saída do xulgado, esta mañá, o avogado defensor apuntou que houbo acordo de conformidade. Fiscalía solicitaba inicialmente 15 meses de retirada do carné. O condutor, M.A.A.V., mostrouse amoucado durante a hora e media que pasou nos xulgados da Parda. Encontrábase acompañado por unha parella que indicou que "él no está para hablar, bastante tiene con lo que tiene".