Comeza o camiño cara a Moncloa
Por Redacción
Ás doce desta noite deu comezo a campaña electoral para as eleccións do próximo 20 de decembro, unha cita coas urnas que se presume como a máis igualada da democracia.
Fronte a Partido Popular e PSOE -que manteñen as súas opcións de goberno-, xorden novas opcións que tamén optan á vitoria, Cidadáns e Podemos. A iso engádese, en clave galega, En Marea -formación integrada por Podemos, Anova e as mareas cidadás- e Nós Candidatura Galega, que pivota en torno ao BNG.
O 20-D deixará un Congreso dos Deputados inédito, pero ata entón os partidos pelexarán ata o último voto. Tamén en Pontevedra. Así se demostrou esta madrugada na avenida de Montero Ríos que, a pesar de estar menos concorrida que noutras ocasións, foi o lugar elixido polos candidatos pola provincia para realizar a súa tradicional pegada de carteis.
Por parte do Partido Popular, a número 3 da candidatura, Pilar Rojo, foi a encargada de dar o inicio á campaña en Pontevedra, acompañado do presidente provincial, Rafael Louzán; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda ou o portavoz municipal, Jacobo Moreira. Non estaba a cabeza de lista, Ana Pastor, que esta noite optou por Vigo. Antes pasou pola capital para asistir á inauguración da nova sede local do PP, situada na rúa Palamios.
Tamén se deixaron ver por Montero Ríos tanto o PSdeG-PSOE, encabezado polo seu número 2 ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Guillermo Meijón; ou Nós Candidatura Galega, que mantivo un encontro informativo cos medios de comunicación na mañá do xoves, e que xa pola noite, deixaron a súa representación en mans dos membros do goberno municipal de Pontevedra. Pola súa banda, Ciudadanos estivo representado pola súa edil na capital, María Rei, ou os seus candidatos ao Congreso e ao Senado, Cintia Solla e Goyo Revenga.
Mentres tanto, En Marea reuniu aos seus candidatos na comarca de Pontevedra ás oito da tarde nos xardíns de Casto Sampedro para dar inicio á súa campaña electoral. Ao acto, que contou tamén coa presenza de Carmen Moreira, concelleira de Marea Pontevedra, acudiron entre outros, Vanessa Angustia e Marta Díaz, candidatas ao Senado, e David Carballal, Branca Barrio, Francisco Díaz e Ángela Rodríguez, candidatos ao Congreso.
Relacionadas:
-
3, 2, 1... a carreira cara ao 28A empeza concorrida e reivindicativa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Rajoy para esta cidade e este país foi nefasto, un cero patatero"
Por Alejandro Espiño |
-
Campaña porta a porta do PSOE e mitin á inversa do PP en Marín
Por Redacción |
-
Ciudadanos presenta en Pontevedra aos seus candidatos ao Congreso e o Senado para o 20-D
Por Redacción |