"Rajoy para esta cidade e este país foi nefasto, un cero patatero"
Por Alejandro Espiño
Apenas doce horas antes de que se inicie a campaña electoral, a candidata de Nós-Candidatura Galega pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, mantivo un encontro informativo na cidade do Lérez no que reiterou que a súa formación, liderada polo BNG, é a única formación "que nace por e para Galicia e estamos orgullosos do noso" e que nestas eleccións xerais do 20-D "defende os intereses da nosa terra".
Acompañada por Miguel Anxo Fernández Lores, e membros desta candidatura de unidade, Carme Adán puxo como exemplo a cidade de Pontevedra da capacidade de xestión do nacionalismo galego e afirmou que "estamos orgullosos de facer as cousas doutro xeito". Todo iso fronte a un Mariano Rajoy que, como presidente do Goberno, "para esta cidade e este país foi nefasto, un cero patatero", denunciou o alcalde.
A súa será, dixo a candidata de Nós, unha campaña "con moita forza e baseada en ideas básicas". Neste sentido, avanzou que apostarán por defender os sectores produtivos galegos, por unha nova fiscalidade para os autónomos baseada nos seus ingresos e non por módulos, pola posta en marcha dun modelo sustentable de produción -onde inclúen a saída de ENCE da ría- e pola defensa da cultura e a lingua galega.
"Fronte a ese bipartidismo a catro que é máis do mesmo pero con novos actores, en Nós defenderemos á nosa xente e ao noso país", sinalou Adán; mentres que Fernández Lores engadiu que "só alguén que teña confianza en Galicia e estea disposto a poñela en valor podar incidir para que os galegos teñamos máis forza. Iso só o pode facer Nós" porque reiterou que "de fóra nunca virá ningún remedio".
Así, a candidata de Nós lembrou que nos debates electorais que se celebraron ata o momento "non escoitei falar dos problemas de Galicia, nin de Pontevedra, nin de Sanxenxo, nin doutras comarcas de Pontevedra", por iso é polo que sinalara que "é importante crer en forzas propias que non estean supeditadas a forzas do estado".
UN GOBERNO EN FUNCIÓNS "NON PODE DECIDIR" SOBRE ENCE
Ademais, Carme Adán e Miguel Anxo Fernández Lores criticaron os movementos que está a realizar o Goberno de Rajoy para renovar a concesión a ENCE antes das eleccións. "O sensato sería que este Señor que veranea en 'Sanjenjo' e casou en 'La Toja' -en alusións ao dito na súa entrevista con Bertín Osborne en TVE- , teña a decencia de non adoptar unha decisión sobre Ence nestes momentos e que prexudicaría aos pontevedreses", dixo o alcalde.
Outro cabalo de batalla será, adiantou, a autoestrada AP-9, xa que desde o Congreso seguirán reclamando o seu traspaso á Xunta de Galicia e a súa gratuidade ao entender que é "vertebral" para o desenvolvemento económico da comunidade.