Un mozo resulta ferido no Grove tras caer dun andamio
Por Anxo Lourido
Un mozo de 22 anos natural do Grove e empregado dunha empresa de traballo vertical, segundo informou Protección Civil, resultaba ferido de consideración tras caer dunha estada á altura do número 2 de Reboredo na zona do Bar A Bodeira na parroquia de San Vicente do Mar no Concello do Grove.
Golpeouse a cabeza pero, a pesar, do impacto encontrábase consciente aínda que atordado no momento en que foi atendido polos servizos do 061.
Segundo informou o 112, un particular alertou arredor das cinco da tarde da caída do mozo por causas que se descoñecen polo momento e foi mesmo requirido o servizo de helicóptero sen que, finalmente, fose necesaria a súa intervención. Ata a zona desprazáronse tamén a Policía local do Grove, Protección civil, a Garda Civil e unha unidade de Urxencias Médicas que trasladou ao mozo a un centro hospitalario de Pontevedra.
Apenas quince minutos máis tarde, alertaba o 112 da caída dun vehículo á Lagoa Bodeira, situada a poucos metros de onde se producía o accidente laboral. Non obstante, despois de que Protección Civil percorrese toda a zona resultou ser unha falsa alarma, segundo informou a Policía local.
Condutor ferido no Salnés
Unha persoa resultou ferida en Tremoedo tras unha colisión entre dous vehículos por causas aínda por determinar. Ata a zona desprazouse a Policía local e Protección civil de Vilanova de Arousa.