Louzán cre que se "Moreira ou calquera militante" aspira a liderar o PP local terá que ser apoiado pola dirección
Por Redacción
Jacobo Moreira, "como calquera outro militante", deberá contar co apoio de todos os responsables do Partido Popular se quere liderar o PP en Pontevedra a partir do próximo congreso local, previsto para esta primavera. Así o asegurou ante os xornalistas, o presidente provincial do partido, Rafael Louzán, en declaracións posteriores á súa comparecencia no Parlamento para explicar os orzamentos da Deputación de Pontevedra.
Rafael Louzán asegurou que "agora o que toca é poñer en marcha o congreso local de Pontevedra", que se atrasou pola celebración do congreso galego. Preguntado por se apoiará a Jacobo Moreira, actual portavoz do PP en Pontevedra, Louzán remitiuse ás "canles do partido" no sentido de non adiantar posturas, pero eloxiou o "magnífico papel" que fixo o concelleiro pontevedrés cando Telmo Martín era portavoz municipal.
Sobre o congreso local do PP, indicou que "agora toca poñelo en marcha", xa que a súa celebración "é algo que pedían os militantes". "Sen présa, pero sen pausa", sinalou respecto da activación deste cónclave, antes de recordar que foi "paralizado" pola celebración do congreso galego, si non, "xa se tería realizado". En todo caso, Louzán ratificou que se poñerá en marcha "canto antes", e que terá lugar "despois do congreso provincial", que se prevé para o mes de "marzo".
Renuncia dos tres concelleiros
Sobre a renuncia de tres concelleiros do grupo municipal do PP de Pontevedra, que formalizaron a súa marcha, Rafael Louzán recordou que era "algo previsto", pero diferenciou as baixas de Begoña Laya e José Manuel Guillán da de Celia Soto, que circunscribiu a cuestións "persoais".
Neste sentido, asegurou que "non ten por que" haber unha crise no grupo municipal pontevedrés e deu o seu "agradecimiento" a todos os concelleiros polo seu traballo no Concello, onde o PP, subliñou, "gañou as eleccións". En todo caso, recoñeceu que lle gustou que "non sucedese" o que ocorreu no seo do grupo.
Louzán aseverou, en resposta a varias preguntas, que a decisión de Celia Soto débese a "causas estrictamente persoais". "Non hai máis importancia que darlle que esa", explicou o presidente provincial do partido, quen recordou que cos implicados falaron tanto o portavoz municipal como o propio secretario xeral, Alfonso Rueda. A partir de agora, dixo, os populares "seguirán traballando en torno a un portavoz, que é Jacobo Moreira".