O Conselleiro de Educación descoñece os problemas de humidades no Carlos Oroza
Por Anxo Lourido
"A verdade é que non teño constancia dese tipo de humidades e de goteiras. O Carlos Oroza é unha instalación con moitos anos e que tamén conta con moitas posibilidades para posibles ampliacións". Así se expresaba o Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, ao ser preguntado sobre as goteiras e as humedades que denuncian os alumnos do CIFP Carlos Oroza.
O edificio que serve de sede ao instituto en Montecelo pertence á Deputación Provincial e ao longo dos últimos anos estudouse a posibilidade de construír un novo centro nunha parcela da Parda. Hoxe, Xesús Vázquez deixaba entrever esa opción polas dificultades que ten de medrar o centro en Montecelo pero tamén afirmaba que "as actuais instalacións teñen numerosas posibilidades". Apuntou que a Consellería terá que ver se a situación actual de humedades "é subsanable" e adoptar decisións.
O xefe provincial de Educación, César Pérez, indicou que si se produciron problemas durante os últimos días coa cuberta do CEIP Froebel debido ás fortes chuvias. Engadiu que xa se está a finalizar a primeira fase das obras no Colexio Público e que, de inmediato, se continuará coa reforma da cuberta.