Os tres edís dimisionarios do PP, protagonistas ausentes do pleno da corporación municipal
Por Alejandro Espiño
Non estaban presentes, pero aínda así foron os grandes protagonistas do pleno da corporación municipal. José Manuel Guillán, Begoña Laya e Celia Soto, apenas unha hora despois de presentar a súa renuncia como concelleiros do PP, decidiron non acudir á sesión que fixo efectiva a súa dimisión. E todo o mundo comentaba o significado que implicaban as tres cadeiras baleiras que deixaron nas filas do grupo municipal popular.
Tamén axudou o feito de que se trataba dun pleno de trámite, de toma de coñecemento de asuntos varios como os premiados co Cidade de Pontevedra ou a suba proposta nas tarifas dos taxis. E como non, mediante moción urxente, da renuncia dos tres edís populares. Serán substituídos por Rosa Picallo, Miguel Ángel Meijón e Eloísa Nogueira, os tres seguintes na lista electoral do PP. Tomarán posesión no pleno de febreiro.
Foi o alcalde o que, tras ratificarse a renuncia dos tres edís, o que quixo en nome do goberno municipal, "agradecer o traballo destes compañeiros". Dixo Miguel Fernández Lores que "máis aló das discrepancias políticas, hai que agradecer a todos os que dedican o seu tempo ao traballo político municipal, especialmente nun momento no que hai unha desafección interesada cara a política".
Pero Fernández Lores non se contivo á hora de facer referencia á súa saída. Especialmente tras agradecer "o detalle de que se despedirán persoalmente de min". Pero en todo caso, lamentou a súa ausencia do pleno, "a primeira vez que un concelleiro que marcha non se despide dos compañeiros de corporación e da cidadanía", unha conduta que achacou "ás circunstancias nas que se produciu este cese".
Neste sentido, Jacobo Moreira, que pediu ao alcalde "respecto aos que libremente decidiron que non querían estar aquí", desvinculou a renuncia de Celia Soto das outras dúas. "Celia me expuso sus motivos ya en su momento cuando asumí la portavocía del Grupo, me trasladó su deseo de abandonar la vida política y yo le pedí que siguiera".
Jacobo Moreira agradeceu públicamente a súa dedicación, o seu traballo e o seguir ata agora "y sobre todo por su lealtad, es lo que quiero resaltar". En canto a Guillán e Begoña Laya, dixo "tengo que agradecerles el trabajo que han hecho para el partido y desearles lo mejor, sinceramente".
Moreira explicou que "las actas son personales y ellos la presentaron cuando consideraron oportuno, desde luego yo no les he apremiado y tampoco sabía cuando lo iba a hacer". Con estas saídas, preguntado sobre se con estas dimisións daba por pechada a crise no seo do grupo popular, o portavoz popular afirmou que"a daredes vós por pechada, aquí houbo unha serie de circunstancias e de discrepancias e eu creo que quizais estes capítulos que había entendo que se dan por pechados".