Falece aos 87 anos Xosé Neira Vilas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O escritor Xosé Neira Vilas faleceu nas últimas horas na súa casa de Vila de Cruces aos 87 anos de idade, segundo informa o Consello da Cultura Galega.
O famoso escritor autor de Memorias dun neno labrego residía no lugar de Gres, en Vila de Cruces, e alí faleceu durante a noite deste xoves ao venres. Aínda non se coñecen datos do seu enterro.
Neira Vilas foi un destacado representante da cultura galega no exilio e en Galicia e ten unha vinculación especial con Pontevedra, onde foi, precisamente, o seu último acto público. Hai escasos días, o pasado sábado 21 de novembro, acudiu á presentación do último libro de Loli Beloso na parroquia de Tomeza.
Nese acto no centro social de Lusquiños, Neira Vilas era o invitado de honra da presentación dun libro que, precisamente, xira contorna á súa figura e a da súa defunta muller, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos. Moi emocionado, destacou que "co ben feito que está", "ben pouco é dicir grazas". A pesar de que daba sinais de debilidade física e camiñou apoiándose na súa anfitrioa ata a mesa na que deu a súa charla, aparentemente non mostraba síntomas de atoparse en mal estado de saúde e mostraba total claridade mental, como se pode observar no vídeo difundido ese día por PontevedraViva.
Nos últimos anos visitou a cidade en numerosas ocasións, sendo unha das máis especiais a visita de outubro de 2014, cando recibiu o premio Otero Pedrayo pola súa traxectoria e por ser un ''activista literario''. "Espero merecelo e se non, tratarei de merecelo non tempo que quede", dixo entón.
En abril de 2014 protagonizou tamén un acto moi emotivo no Teatro Principal de Pontevedra, ante un auditorio cheo de estudantes de centros de ensino secundario do municipio ao que contou que a primeira vez que viu o mar foi en Pontevedra. "Vin a Pontevedra para recoller o pasaporte na Deputación porque tiña que emigrar a Arxentina. Viaxaba no trole entre Pontevedra e Marín, cando vin o mar por primeira vez. A min, que na miña vida só vira o río Ulla, aquilo pareceume un desparrame", explicou.
Xosé Neira Vilas, nacido en Gres, Vila de Cruces, o 3 de novembro de 1928, naceu nunha familia de campesiños, estudou xornalismo e traballou de contable. En xaneiro de 1949 emigrou a Arxentina e entra en contacto con galeguista como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 funda as Mocidades Galeguistas, casa coa escritora Anisia Miranda en 1957 e funda a editorial Follas Novas. En 1961 marcha a Cuba coa súa muller.
Despois de 31 anos na illa caribeña, xa xubilados, regresan a Galicia en 1994 para vivir en Gres onde dirixía coa súa esposa -falecida fai seis anos- a Fundación Xosé Neira Vilas e continúan co labor cultural e xornalístico. Xosé Neira Vilas é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e A Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o premio Celanova Casa dos Poetas, o Premio Laxeiro e o Premio Trasalba (2004), e foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 1999.
PESAR NO CONCELLO DE PONTEVEDRA
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará, cualificou a noticia como "moi triste" ao tratarse dun escritor moi vinculado con Pontevedra, homenaxeado no Salón do Libro e dun trato entrañable. E a nivel persoal engadiu que, como director xeral de Cultura da Xunta no seu momento, tamén tivera moita relación coa Fundación Neira Vilas e con el. Transmitiu o pesar do Concello de Pontevedra porque "é unha persoa que estará no noso corazón, na nosa memoria e no noso traballo. É un día moi triste hoxe", concluíu Bará.
Relacionadas:
-
Neira Vilas, Carracedo, Loli Beloso ou como a literatura pode desbancar un Madrid-Barça
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Neira Vilas recibe o premio Otero Pedrayo por ser un ''activista literario''
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Neira Vilas, gañador do premio Otero Pedrayo 2013
Por Redacción |
-
Cando Neira Vilas viu o mar por primeira vez, "foi en Pontevedra e aquilo pareceume un desparrame"
Por Oskar Viéitez |
-
Emotiva homenaxe en Marcón a Isaac Díaz Pardo coa presenza do escritor Neira Vilas
Por Anxo Lourido |