A Fiscalía cre que os donos de Mara Poio cometeron unha estafa pero considera que o delito prescribiu
Por Redacción
Este xoves concluíu na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra a vista oral do xuízo por estafa que senta no banco aos responsables de Mara Poio, concesionario de Kia. Os acusados son o xerente de Mara Poio, Benito C. M., o seu pai Manuel C. M., dono do Talleres Auto Mara, e Pablo Guillermo C. M., quen figura á fronte de Ponte Roda, empresa dedicada a cómpra e venda de vehículos.
Nas súas conclusións definitivas o fiscal mantivo a súa petición inicial de dous anos de prisión para cada un dos procesados, aínda que engadiu que considera que o delito de estafa común ordinaria do que se lles acusa prescribiu, pois se cometeu, presuntamente, no ano 2008 e a querela presentouse en maio do ano 2012, sendo o prazo de prescrición é de tres anos.
Pola contra, a avogada que exerce a acusación particular mantén que o delito está vixente xa que sostén que se trata dun delito agravado polo que non prescribiría ata 7 anos despois.
Lembremos que estes tres empresarios de Poio están acusados de estafar a unha parella que asegura que lles comprou un Kia Karens que lles venderon como quilómetro cero e que realmente era un vehículo que repararían tras sufrir un accidente no que foi declarado como sinistro total. Uns feitos que eles negaron durante o xuízo insistindo ademais en separar a actividade de cada unha das tres empresas.
Fronte a esta tese o representante do Ministerio Público asegura que estas tres empresas conforman unha unidade.
O xuízo quedou visto para sentenza.