Dous estudantes de 14 anos crean un bastón con sensores para invidentes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Enrique Dios e Jacob Frost, dous alumnos de 14 anos do colexio SEK-Atlántico, elaboraron na clase de Robótica un bastón con sensores que facilite a orientación ás persoas invidentes. Este invento alerta a través dun asubío cando hai algún elemento a calquera altura a menos de cincuenta centímetros do camiñante.
Os dous mozos acompañados pola súa profesora de Robótica, Beatriz Trillo e polo director do colexio, Jacobo Olmedo, foron recibidos por José Ángel Abraldes, o máximo representante do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra.
Alí, Enrique e Jacob puideron testear o seu bastón sensorial nunha sala na que se recrean diferentes superficies e utilízanse sons como os que se pode atopar unha persoa sen visión na rúa. Conta, ademais, cun soporte para smartphone para poder empregar o GPS. Desta forma, os estudantes cos ollos cubertos utilizaron tanto o seu bastón como un tradicional para tentar orientarse pola sala.
Ambos comprobaron que o seu invento require algunhas melloras como elaboralo dunha forma máis robusta e cun vibrador para evitar que o asubío sature ou resulte confuso para a persoa que teña que utilizalo nunha contorna con múltiples sons.
Beatriz Trillo comentaba que a visita resultara proveitosa para estes pequenos creativos que agora tentarán revestir o bastón cunha carcasa e utilizar un sensor de cor para detectar a franxa vermella dos pasos de peóns. Enrique, fillo dun oftalmólogo, pensa en que un bastón destas características podería servir tamén a persoas de avanzada idade con problemas oculares.
Polo momento, os estudantes e o colexio non teñen previsto comercializalo, aínda que non o descartan. Sinalan que hai bastóns con sensores no mercado que alcanzan un prezo de 500 euros e con outras marcas é obrigatorio asistir a cursos de 1.200 euros. O proxecto destes mozos apenas chega aos 50 euros e o obxectivo é que estivese dispoñible para persoas con poucos recursos.