A asociación Mulleres en pé acudirá como acusación á causa pola morte de Conchi Reguera
Por Redacción
A asociación Mulleres en pé de vítimas de violencia de xénero acudirá como acusación particular ao proceso xudicial aberto polo crime machista do 24 de outubro en Ponte Sampaio, no que a vítima foi Concepción Reguera Peón, 'Conchi'.
Segundo informou este mércores a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, desde o Concello analizaron se podían acudir ao caso, pero a asesoría xurídica concluíu que desde o punto de vista legal a Administración local non está autorizada para acudir a procedementos xudiciais, tan só a Xunta de Galicia, as familias das vítimas e as asociacións de vítimas poden facelo. A Xunta xa anunciou que acudirá ao procedemento xudicial que se segue no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que aceptou a súa comparecencia.
O Concello, segundo desvelou Fouces, propúxolle a Mulleres en pé que se personase e a directiva da asociación aceptou. "Dixeron que non había ningún problema. Sentían que era unha responsabilidade que tiñan que facer", explicou a concelleira con motivo dos actos do 25 de novembro, Día pola Erradicación da violencia sobre a muller.
Por este crime está en prisión provisional o ex mozo da falecida, José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como Coco, por presuntamente acoitelala en reiteradas ocasións cunha navalla que aínda non foi localizada e logo, mentres ela agonizaba no chan a poucos metros da súa casa, fuxir no coche dela. Todo ocorreu o pasado 24 de outubro na parroquia de Ponte Sampaio.
Relacionadas:
-
Máis bragas contra a violencia machista
Por Redacción |
-
A Xunta persónase como acusación particular no caso do crime machista de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
A vítima do crime de Ponte Sampaio tiña feridas por terse defendido do seu agresor
Por Natalia Puga |
-
O detido polo crime de Ponte Sampaio recoñece os feitos mentres a arma segue sen aparecer
Por Natalia Puga |