Carmela Silva confirmou o "impulso decisivo" ao polígono de Barro-Meis como xerador de emprego
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este martes, por primeira vez de maneira oficial, o concello de Barro para coñecer "as demandas reais dos veciños da localidade que servirán para traducirse en investimentos que retornen na mellora da súa calidade de vida".
En concreto, Silva anunciou que a institución provincial, outorgará, a través do Plan Concellos, 400.000 euros ó concello de Barro, segundo asegurou, un 15,60% máis que o ano anterior.
Carmela Silva tamén informou do impulso que lle tivo que dar o novo goberno ó Polígono Industrial Barro-Meis. Neste contexto, Silva destacou que "había bastantes irregularidades e decisións tomadas que non cumprían coa legalidade polo que tivemos que facer melloras coa finalidade de que se poidan asentar empresas con todas as garantías".
A presidenta engadiu que o polígono, pola capacidade que terá de xerar emprego na provincia de Pontevedra, "é unha prioridade para o novo goberno da Deputación, polo que xa se van contratar os diferentes aspectos para que o 2 de xaneiro comece a funcionar o viveiro de empresas de Barro-Meis".
A aposta polo impulso do patrimonio histórico e medioambiental de Barro como factores de potenciación turística e, en consecuencia de xeración de emprego e impulso económico da localidade, tamén será un eixo de traballo entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Barro. Así, Carmela Silva subliñou que "tras esta primeira toma de contacto ímonos sentar a traballar, o alcalde e mais eu, para ver como podemos poñer en valor o castro de Barro así como o parque forestal do Monte Acibal e o parque natural de Barosa".
Carmela Silva coincidiu co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, na importancia de manter en bo estado as infraestruturas provinciais ó seu paso pola localidade. Neste sentido, a presidenta asegurou que se "dedicarán esforzos de todo tipo para garantir a mobilidade e seguridade das veciñas e veciños da provincia de Pontevedra".
Silva e Fernández Abraldes tamén coincidiron en canto á dotación de instalacións deportivas do concello de Barro. Así, a presidenta destacou que "mentres outros concellos están sobredotados en equipamentos deportivos, Barro é un dos municipios da provincia con menos infraestruturas para o deporte. O noso obxectivo e que exista equidade e equilibrio entre o conxunto da cidadanía da provincia de Pontevedra e se garantan todos os dereitos, polo que traballaremos para mellorar esta situación".
Pola súa banda, o alcalde do Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes manifestou a súa satisfacción polo Plan Concellos que elaborou o novo goberno da Deputación, "que nos permite saber de antemán os recursos cos que imos contar e planificar o noso investimento de cara ó 2016".