Lores: "Presentareime á reelección no 2015 se os cidadáns confían en min e a miña forza política tamén"
Por Alejandro Espiño
Hai Lores para rato. Así o recoñece el mesmo. "Síntome moi a gusto no traballo municipal. Estou moderadamente satisfeito do que temos feito ata aquí. E si, teño forzas para seguir facendo cousas". Asegura que "se os cidadáns confían en min e a miña forza política tamén", presentarase á reelección no ano 2015. Pero para iso aínda queda moito. Neste momento, a súa maior preocupación, di, é a situación de moitas familias pontevedresas.
Máis aló do modelo de cidade, do que falamos na primeira parte desta entrevista, Miguel Fernández Lores ten clara a resposta cando se lle pregunta que se pode facer desde o Concello para tentar paliar esta situación. Máis investimentos para estimular a economía local. "Incluso se facemos obras tiramos para casa, que sexan empresas de Pontevedra as que as fagan", explica. Pero recoñece que non sempre é doado conseguilo.
Ten marxe de manobra o Concello de Pontevedra para combater os efectos da crise?
O que pode facer un alcalde, principalmente, é traballar para mellorar a calidade urbana da cidade, dar un bo servizo, atender ao benestar social das persoas con máis necesidades e estimular a actividade económica en todos os aspectos. Pero nós non somos responsables da política económica europea, española ou tan sequera galega. A ese nivel estou moi preocupado. Estou convencido de que vamos mal.
E ao Goberno como o ve? Cre que as medidas que está tomando axudarán a saír da crise?
Seguen coa mesma receita. Son uns inútiles. Se recoñecen que non teñen nada que facer, pois que marchen para casa e punto. Ti que fas? Recortes? Se recortas, a xente ten menos cartos, se non consumimos pechan os comercios, se pechan haberá máis despedimentos, aumentará o paro e o gasto social, os ingresos non chegarán para pagalo e recortaremos o gasto público, algo que aumentará aínda máis o paro, a xente non terá para comprar e pechamos todo.
Tan negro ve o panorama do país?
"Rajoy e Núñez Feijóo son uns inútiles. Se recoñecen que non teñen nada que facer, pois que marchen para casa e punto"
Non temos capacidade ningunha. E hai unha inacción, unha actuación nula por parte dos poderes políticos. Nos levan as caixas, nos levan o aforro, nos levan todo e aquí no pasa nada. Isto non ten solución. Hai un marco feito para enriquecer a uns poucos e arruinar ao resto. E estase lexislando para eles. Isto vai mal porque hai una decisión tomada. Esta xente son voraces. Non lles vale o agro, a conserva, as caixas, o monte nada. Só operacións especulativas. E cando non as hai o que fago é sacarllo do lombo aos traballadores.
Cita vostede o tema das caixas galegas
Iso xa é pornográfico. A de millóns que se levaron para casa o Gayoso e o Méndez e aínda por riba roubáronlle os cartos á xente das preferentes. Agora estamos pagando entre todos os desfalcos que fixeron estes vergoñosos e non lle devolvan os cartos á xente que os tiña aforrados. ÿ que manda collóns. Son cousas de loucura.
Mira, o mellor é que afundan á banca. Non hai que reflotala, hai que fodela. E con eses cartos públicos do FROB que fagan un instituto de crédito que funcione ou unha banca pública que permita que exista actividade económica. Hai moitos empresarios e autónomos que teñen que pechar porque non teñen liña de crédito.
Fagamos como Islandia. Todo a tomar polo cu e que a débeda a pague a nai que os pariu. O Estado que garanta as contas dos pequenos aforradores e os demais que vaian chorar a casa de Deus. E se afunde a banca, pois que afunda. Eu, como a maioría da xente normal, temos créditos. Se pecha o banco, non os pago. Aos das preferentes xa lles levaron os cartos, crédito non lle dan a ninguén. Para que os queremos? Que perden os accionistas? ÿ cousa deles.
Non hai moitos políticos que aposten abertamente por cargarse o sistema bancario
"Estamos xestionando a miseria e o Goberno de Rajoy non fai máis que poñernos un corsé que nin iso nos deixan"
Eu sei que eu predico no deserto. Se facendo outra cousa resolvesen algo, calaría. Pero non resolven nada. Sei que isto opínao pouca xente, pero xa o opinarán máis. Eu como responsable político do concello tratarei de facelo o mellor posible ou da forma que eu considero mellor. Pero unha cousa está clara. Estamos xestionando a miseria e o Goberno de Rajoy non fai máis que poñernos un corsé que nin iso nos deixan. Hai concellos que deben moitos cartos. Paréceme ben que os controlen. Pero outros estamos saneados. Por que non me deixan facer o que quero? Teño os cartos no banco e non nos deixan gastalos.
Fala de Rajoy, pero ultimamente estaba vostede moi enfadado co presidente da Xunta.
Cabreeime o outro día con el. Como vas falar a un auditorio para dicir que a culpa da crise a teñen vostedes porque non traballan, que se fosen como os seus pais e protestaran menos e traballasen máis, teríamos o tema resolto. Vai dicirlle ti aos de Treves que non traballan, ou aos que lles pecha a empresa conserveira que non traballan. Non será que estamos metidos nun mercado global que está afundindo todos os sectores produtivos. E ti, como presidente da Xunta só fas recortes. En sanidade, en servizos sociais, en educación, na administración pública, na investigación en todo. Pero que estás facendo para reactivar a economía? Dime só unha cousa. Haberá algo que poidas facer, digo eu.
Agora que estamos falando de Núñez Feijóo, que espera da Xunta de Galicia nesta nova lexislatura autonómica?
Non espero absolutamente nada. Outra cousa é que se hai algo, collereino. Para iso son moi pragmático. Pero non haberá nada, porque os orzamentos non traen nada. Non fan máis que recortar en todos os sitios. Niso son expertos. E o peor é que insisten no Hospital de Monte Carrasco cando temos un hospital renovado que se hai que amplialo, pois que se amplíe. Están recortando o número de médicos en Montecelo e queren facer un macrohospital, é absurdo. Con que médicos o van a encher, pregunto eu.
"O PP é sectario facendo as cousas. Pero Touriño tamén facía o mesmo. Gobernaban en seis cidades e a Pontevedra nin auga"
E logo fan cousas, como o desdobramento de Pino-Bora, que ninguén lle pediu. Pero se o alcalde pide algo razoable, din que non. Son uns cafres. As necesidades dos concellos sábenas os concellos. O normal é que sexa a administración que sexa, vaia da man dos concellos. Pero estes son sectarios facendo as cousas. Como a Deputación, que ten por norma non colaborar en nada con este concello. Queren controlalo todo para afundirnos de todo. Non lles chega coa Deputación, a Xunta ou o goberno central, queren o Concello de Pontevedra. Son uns acaparadores. E non o digo só polo PP. Touriño tamén facía o mesmo. Gobernaban en seis cidades e a Pontevedra nin auga. Non nos deixan vivir.
E despois está ENCE
Con estes sempre é o mesmo. Non fan absolutamente nada en política económica. Nin potenciar o marisqueo, nin o turismo náutico, nin fan un porto seco para Marín onde hai que derrubar case todo Aí non gastan nada. Ah, pero se ENCE marcha é un cataclismo total. En Pontevedra traballan unhas 40.000 persoas, pero parece que os 200 de ENCE son os únicos importantes.
E non me entendas mal. A min parécenme importantes estes postos de traballo, pero economicamente os únicos que gañan son os accionistas da empresa, que non pagan os terreos, nin o auga, nin nada. O único que fan é botar merda á ría e non pagar nada. A Ría de Pontevedra ten moitas potencialidades: marisqueo, cultivos mariños, turismo náutico, praias e iso é máis negocio que manter aí unha instalación fabril que a poden poñer noutro sitio. E a poden poñer eles porque gañan uns 50 millóns de euros todos os anos.
Centrándonos xa no Concello, comparten goberno co PSOE. Nun escenario no que Pontevedra é a única cidade na que resiste un pacto similar, como é a convivencia?
Mira, nós fixemos un pacto de mandato. Son catro anos. En liñas xerais está funcionando. Cada un ten as súas responsabilidades e os cidadáns valorarán como cada un exerceu esas funcións. Foi un pacto en beneficio do desenvolvemento da cidade. Pero hai unha cousa clara. Nós non temos nada que ver co PSOE e eu persoalmente menos. Temos diferenzas ideolóxicas a punta pala. Non tantas como co PP, iso é certo.
"O pacto co PSOE é positivo e así o valoro. Iso non quere dicir que mañá siga sendo así. Ao mellor noutro mandato non se produce"
En todo caso, levamos tres mandatos gobernando con eles e creo que foron acordos positivos para a cidadanía. Este tamén o é, porque chegamos a un entendemento que permite avanzar á cidade. ÿ un acordo leal e positivo e por iso se mantén. Se non fose así, romperíase. Pero non é o caso. Temos que respectar a decisión dos votantes. Non quixeron que o BNG tivese a maioría absoluta, pero tampouco que gobernase o PP. Os acordos poden ser mellores ou peores, pero é o que hai. Insisto, eu creo que é un pacto positivo e así o valoro. Iso non quere dicir que mañá siga sendo así. ÿ un pacto que ao mellor noutro mandato non se produce.
E trala marcha de Telmo Martín, como cualificaría as relacións coa oposición?
ÿ difícil que as relacións empeoraran porque os intereses de Telmo non eran precisamente os intereses xerais dos cidadáns. En todo caso, é normal que haxa diferenzas, pero o problema é que o PP non ten propostas. Limítase a defender os seus propios intereses ou os doutras administracións que lle negan o pan e a sal ao concello. E a intentar desprestixiar a xestión municipal cando ten moi poucos motivos para facelo.
Cando non tes a razón, por moi ben que fagas oposición, non che da moito resultado. E chegan a contradicións entre eles, porque hai persoas que non están de acordo coas cousas que fai o seu portavoz. Como acudir á xustiza, que logo non gaña nin unha demanda. Iso non é labor de oposición. Asegúroche que se presentasen cousas series e sensatas, gustaríame ir da man con eles en moitas cousas. Eles entenden que ser coherente non lles dará réditos electorais e só buscan enfrontamentos e escándalos onde non os hai.
Imos ir rematando esta entrevista. Que lle queda por facer a Miguel Fernández Lores como alcalde de Pontevedra?
Pois seguir traballando na mesma liña. Temos unha política estratéxica. A nosa prioridade é mellorar a calidade de vida dos cidadáns, dar servizos e posicionar a cidade, dinamizar a nosa economía e seguir avanzando no noso modelo de calidade urbana. Nunca fixemos programas filosóficos. Pero si gustaríame acentuar a recuperación do río e da ría, que a cidade mire máis cara os espazos naturais e potenciar a calidade de vida do rural.
E en canto a infraestruturas, seguir traballando na rolda urbana, na variante de Alba, que rematen o tren de alta velocidade e fagan unha estación que funcione, completar o desdobramento da Avenida de Vigo, ampliar o paseo marítimo ata Marín para darlle vida ao borde da ría, que aposten por un porto seco ou por ampliar Montecelo. Pero sobre todo, que nos permitan investir. Temos marxe para facer cousas. Poderiamos crear emprego e potenciar moito a cidade.
E que hai do PXOM?
Nós queremos crecer razoablemente. ÿ imposible aprobar un plan como nos quere impoñer a Xunta. Que ENCE siga sendo terreo industrial é unha loucura, seguen empeñados en estragar Monte Carrasco e nos negan a posibilidade de crecemento industrial e de vivendas. Non só nos negan 6.000 novas vivendas no perímetro da cidade, senón que non obrigan a reducir as existentes. Así é imposible.
Como vou a propoñerlles aos pontevedreses un plan que non nos permite crecer nin cara Campolongo, ni cara Lérez, ni cara Lourizán cara ningún lado, e que nos condena eternamente a ter a ENCE na ría. Se solucionasen estes aspectos, dariámoslle cara adiante. Xa estaba aprobado con esas claves e coa unanimidade de todos, tamén do PP. E cando a Xunta di isto non nos vale, son eles os que nos seguen tocando as narices con este tema.
En todo caso, todo o que se propón facer non é demasiado para este mandato? Está insinuando que se presentará a reelección no 2015?
"Síntome moi a gusto no traballo municipal. Estou moderadamente satisfeito do que temos feito ata aquí"
A verdade é que síntome moi a gusto no traballo municipal. Estou moderadamente satisfeito do que temos feito ata aquí. E si, teño forzas para seguir facendo cousas. Ademais, non vexo alternativa ningunha enfronte. Así que se os cidadáns confían en min e a miña forza política tamén o fai, presentareime de novo. Mira, eu son médico, teño vocación de servizo aos cidadáns. E se podo botar una man no que poida, aí estarei. Salvo que as condicións se poñan desastrosas, porque iso si, non vou acabar morrendo ao pé do canón.
Moitos coinciden en que Lores está no seu mellor momento como alcalde
Supoño que si. ÿ certo que tamén axuda o feito de que, comparado coa gran maioría dos concellos, estamos no nirvana. Pero o que está claro é que levamos trece anos deseñando un modelo urbano e o puzzle vaise completando. Faltan moitas cousas, pero os cidadáns perciben un modelo que está perfectamente deseñado e suficientemente avanzado como para velo. En comparación co que tiñamos non hai color.
Queda moito por facer, barrios enteiros que hai que darlle volta como o Castañal, Fontesanta ou Mollabao, rúas que son un espanto e queremos reformar como Pastor Díaz, ou a Praza de Galicia que temos que levantar porque por debaixo é unha desgraza como está. Temos que seguir traballando no noso modelo. Pero cada vez hai máis pezas colocadas e xa vemos case o resultado final. E á xente gústalle. Síntome querido e valorado por unha parte importante da cidadanía. Iso agradécese e anima a seguir traballando.
Relacionadas:
-
O BNG presume do éxito das súas asembleas abertas e dun Lores "con máis ilusión ca nunca"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores reitera a súa intención de presentarse á reelección en 2015: "Estou con máis ímpetu que nunca"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores: "Sen o modelo de cidade que temos, coa crise actual Pontevedra sería un desastre"
Por Alejandro Espiño |