Son cura, podo librarme da mesa electoral?
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O Concello de Pontevedra celebrou este luns un Pleno Extraordinario (así o esixe a lei) no que por sorteo se decidiu o nome das persoas que terán que acudir aos colexios para as eleccións xerais do próximo mes.
Sen bombo nin boliñas, un só click co rato e un programa informático decidiu os nomes daqueles que terán que acudir "obrigatoriamente" aos colexios electorais o próximo 20 de decembro, o día en que se elixen aos deputados e senadores que formarán parte do Congreso e Senado durante a próxima lexislatura.
Quen sabe seguro que nunca serán elixidos son os maiores de 70 anos, xa que nin sequera entran no sorteo.
A alcaldesa en funcións Carmen da Silva presidiu a sesión, que foi dirixida polo secretario da corporación. Para cada mesa designáronse nove persoas: un presidente titular e os seus dous suplentes, ademais de dous vogais titulares e catro suplentes. A listaxe será remitido á Xunta Electoral, que enviará notificacións aos interesados en tres días.
Pagaránselles 62,61 euros e, a quen ten traballo, a lei dálles cinco horas libres ao día seguinte, o luns.
Pero como poden librarse de formar parte da mesa electoral?
Entre as persoas que saíron elixidas para formar parte dunha mesa electoral figuraba un coñecido sacerdote pontevedrés. Sendo o día das eleccións un domingo é fácil acertar que esa xornada o cura xa ten outros compromisos. E quen teña un exame inminente? un bautizo ou unha voda? e se son xornalista, taxista, hostaleiro, ou médico e estou de garda? e se estou embarazada? libraríase un xogador do Pontevedra CF?
Librarse, non é fácil. Quenes foron designados presidentes e vogais das mesas, dispoñen dun prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona "causa xustificada e documentada" que lles impida a aceptación do cargo. A Xunta resolve sen ulterior recurso no prazo de cinco días e comunica, no seu caso, a substitución producida ao primeiro suplente.
Quen o domingo non se presente cometerá un delito e os xuíces pódeno mandar ao cárcere de tres meses a un ano ou poñerlle unha multa de ata 1.800 euros.
Libran os militares, policías ou quen é candidato por algún partido. E nunca serán seleccionadas as persoas que non saiban ler e escribir, aínda que deben presentar un documento que o acredite.
Os estudantes líbranse se poden acreditar que teñen un exame antes do xoves 26 de novembro. Tamén se lles permitiu non acudir a quen decidira pasar esta fin de semana fóra, tiñan reservados aloxamento ou billetes de viaxe e non podían devolvelos sen perder diñeiro. Iso si, deberán xustificar que os compraron antes da data do sorteo.
Os autónomos non estarán na mesa electoral sempre que demostren que a súa tarefa non pode realizala outra persoa, de maneira que irremediablemente van perder diñeiro.
Os médicos e enfermeiros, aínda que tivesen asignada unha garda, non se libran xa que non son "insubstituíbles". O mesmo que lle pasaría a un xogador de fútbol.
En canto ás comuñóns, bautizos e vodas, soamente quedan eximidos de cumprir coa súa obrigación electoral os pais, irmáns e padriños, e nas vodas, por suposto tamén os noivos. Neste caso deberán presentar o xustificante da parroquia que acredite a celebración.
Respecto das embarazadas, depende de se teñen un embarazo de risco ou o están de máis de seis meses, nestes casos líbranse. Tamén quen tras dar a luz atópanse aínda de baixa maternal (4 meses) e as nais aínda en período de lactación (9 meses).
Tamén poden librarse os familiares máis directos de persoas dependentes e as nais e pais solteiros se demostran que ninguén máis pode facerse cargo dos seus fillos menores de 8 anos.
Líbranse, porque se supón que son necesarios nos seus postos ese día, os directores de medios de comunicación, pero non quedan escusados o resto de xornalistas aínda que demostren que ese día teñen que cubrir informativamente as eleccións.
Finalmente, o cura, aínda que teña que celebrar varias misas ao longo da xornada e, ademais, en distintos lugares terá que xustificar o Arcebispado de Santiago que non pode decidir que outra persoa se encargue do seu traballo.