Asampo levará aos colexios a necesidade da doazón: "Eu dou... ti das... eles viven"
Por Natalia Puga
"Eu dou... ti das... eles viven". É a mensaxe que acompaña as camisetas da Pontevedrada, a peregrinación noctura a Santiago que cada ano organiza a Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) para promover a doazón. Este domingo, o lema resume á perfección o espírito do acto organizado na praza da Ferrería, onde a entidade instalou un punto de información de interese público sobre a doazón universal.
O presidente de Asampo, Miguel Martínez Souto, explicou a pé de mesa a todo canto se achegou a eles os procedementos de todos os tipos de doazóns, de sangue, médula, órganos... centrándose nesta ocasión na de médula, sobre a que "hai máis desinformación" en toda a sociedade e, en concreto, nos donantes potenciais, os cidadáns de entre 18 e 54 anos -pódese doar ata os 59, pero rexistrarse só ata os 54-.
Entre as 10.00 e as 13.00 horas os membros da asociación responderon ás dúbidas e preguntas que tiñan os cidadáns sobre a doazón a nivel global, pois dende Asampo insisten en que o seu obxectivo é "que cada vez máis persoas se sumen a ese marabilloso movemento solidario da doazón, un acto altruísta que pode salvar moitas vidas". "Non podemos esquecer que, cantos máis esteamos rexistrados como doadores, de tecidos, de órganos ou de sangue, multiplicamos as posibilidades de supervivencia das persoas que, nun momento da súa vida poden precisalo", engaden.
Miguel Martínez explicou que a asociación continúa coa súa labor de concienciación social para dar a coñecer a doazón e conseguir máis doantes a través dos actos públicos organizados ata agora e cunha nova vertente: as charlas nos centros escolares. En colaboración coa Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa), a partir de xaneiro organizarán charlas nos centros escolares para chegar aos alumnos e tamén aos seus pais para que dende a casa se fomente o espírito solidario dos doantes.
Ademais, continuarán organizando a Pontevedrada no mes de abril, mesas informativas cada tres ou catro meses e actos puntuais de sensibilización. Asampo é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa en diversas iniciativas solidarias ao longo do ano, co único obxectivo de concienciar á poboación da importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos para fomentar e preservar a vida.
Relacionadas:
-
1.200 persoas apoian as doazóns camiñando na Pontevedrada 2016
Por Mónica Patxot |
-
A Pontevedrada fai un chamamento para que a Ferrería se converta nunha gran marea vermella en pro da doazón
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Abre a inscrición para a sexta 'Pontevedrada' solidaria a Santiago
Por Redacción |
-
A Pontevedrada xa ten himno
Por Redacción |
-
A aventura solidaria de Germán Aneiros volve pasar por Pontevedra
Por Redacción |
-
A chuvia non pode co entusiasmo da Pontevedrada
Por Mónica Patxot |
-
Case 1.000 inscricións para a Pontevedrada 2015
Por Redacción |
-
A quinta Pontevedrada solidaria a Santiago abre o prazo de inscrición anticipada
Por Redacción |