Cando che digan: "Es miña", responde: "Tes o ticket?"
Por Natalia Puga
- Es miña.
- Tes o ticket?
É unha conversación de WhatsApp que podería producirse entre unha parella calquera. El, mostrando unha actitude posesiva. Ela, respondendo cunha actitude positiva e mesmo tomando de broma ese comportamento para darlle a volta. A intervención del é moi habitual, pero a dela, lamentablemente, non.
Desde o Concello de Pontevedra traballan para erradicar actitudes machistas deles e sumisas delas, para acabar co que non deixa de ser outra manifestación máis da violencia de xénero. O próximo 25 de novembro, Día Internacional para a Erradicación da Violencia de xénero, ese traballo visibilizarase cunha completa programación de actos e iniciativas que inclúe unha exposición con cubos na praza da Ferrería na que se expoñerán, precisamente, conversacións como a arriba descrita.
- Es miña.
- Non son sumisa de ninguén.
É outra conversación de WhatsApp das que se formará parte desa exposición. A mostra é resultado dun traballo realizado polo Consello das Mulleres Novas de Pontevedra e dun grupo de adolescentes que levan tempo traballando para corrixir condutas machistas e violentas. Natalia, Noelia e Dani son tres dos alumnos de instituto da cidade que han traballando nesa campaña.
Entre as 18.30 e as 20.30 horas do próximo mércores 25 de novembro estarán na Ferrería con eses cubos e con outra actividade complementaria, recoller nunha urna as opinións dos pontevedreses en relación con esas conversacións ditas "en contextos que parecen románticos, pero que significan algo contrario".
A concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carmen Fouces, presentou este xoves unha campaña de actos de face ao 25-N centrada en Conchi Reguera Peon, a veciña de Ponte Sampaio vítima dun crime machista o pasado 24 de outubro que, ademais, abriu en Pontevedra o censo das mortes por violencia de xénero, pois non había constancia no municipio de ningún homicidio ou asasinato previo desta natureza. Os organizadores dos actos pensaron en Conchi, pero tamén na súa contorna e familia, pois "as vítima non son só as mulleres asasinadas, senón todos os que a rodean".
Os actos inclúen unha campaña de rúa baseada en denuncias reais presentadas na Comisaría por veciñas de Pontevedra vítimas de violencia de xénero. Tomando esas denuncias como base, pero borrándolle os datos persoais e detalles máis íntimos, elaboráronse valos que desde esta semana empezaron a instalarse por toda a cidade. As vítimas protagonistas cederon os seus casos "pensando que sirva para algo" e axuden a outras mujers a dar o paso de denunciar para "escapar dese inferno" da violencia machista.
Na programación colabora o campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, cuxo vicerector, Juan Manuel Corbacho, considera que as institucións están "obrigadas a informar, educar e contrarrestar non só prexuizos, tamén tópicos" e loitar contra unha violencia machista que a ONU xa ha cualificada como "pandemia". A súa colaboración manifestarase no premio Celestina Otero que se entregará o 2 de decembro e nas actividades do proxecto 'De bruxas e Bolboretas' que realizan o campus e Portal 48 dentro do proxecto Tangram, ata sete acciones diferentes que se desenvolverán durante toda a semana.
A aula de Teatro do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra tamén se implicará, un ano máis, nos actos coa representación dunha obra o domingo 29 de novembro ás 20.00 horas no Teatro Principal. A responsable da aula, Andrea Bayer, explicou que será unha versión da comedia 'A Herdanza' que propoñerá cambios de roles, personaxes patéticos e situacións ridículas e esaxeradas para visibilizar situacións de violencia de xénero e desigualdade.
Relacionadas:
-
Contra a violencia machista, tamén teatro: 'A herdanza' encheu o Teatro Principal
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Almudena Poza e Esther Gandía, gañadoras dos segundos premios Ernestina Otero
Por Redacción |
-
Conchi. 38 anos. Ponte Sampaio
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Máis bragas contra a violencia machista
Por Redacción |
-
A violencia machista en Pontevedra: menos ordes de protección e denuncias, máis chamadas ao 016
Por Natalia Puga |
-
Mestras, alumnas e persoal do Colexio Doroteas protagonizan unha campaña contra a violencia sexista
Por Redacción |
-
A vítima do crime de Ponte Sampaio tiña feridas por terse defendido do seu agresor
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, unida pola dor e a rabia: "Conchi, no noso corazón para sempre"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os actos do 25-N en Pontevedra xirarán en torno aos disfraces do machismo
Por Redacción |
-
'De bruxas e bolboretas', unha marea de accións contra a violencia de xénero
Por Redacción |