Quero a mochila Human 2.0
Por Marisa Ciordia
Todos os cursos universitarios de Esdemga, os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, participarán no desfile Debut 2015. É a novidade que se incorpora nesta novena edición da convocatoria, xa en marcha, pero que a partir do luns 23 desenvolverá o groso do programa. Propostas non só para estes alumnos, senón tamén para o resto da comunidade universitaria e a cidadanía en xeral.
A Facultade de Belas Artes acollerá as master class e os talleres; mentres que a Casa das Campás -sede do vicerreitorado da Universidade de Vigo- albergará as Xornadas Técnicas de Recursos Humanos e as sesións de Diálogos coa Moda. Estas contarán o mércores 25 ás 19.00 horas coa participación da fundadora da revista TELVA, Covadonga O'Shea, quen ademais formará parte do xurado do desfile xunto á estilista Sofía Clarí e a editora de revista METAL, Yolanda Muelas.
Este desfile é sen dúbida o maior atractivo de Debut. Lola Dopico, directora da Escola Superior, así o ratifica: "é un evento que a cidade trata con especial agarimo, tanto en participación como en implicación para a súa organización". Quen acuda ao Pazo da Cultura o xoves ás 20.00 horas, terá oportunidade de ver proxectos de fin de carreira e proxectos de alumnos de Primeiro, Segundo e Terceiro curso. Un total de seis, pertencentes a Ana Abal García, Lucía Caride Noguera, Javier Eijo Perale, Sheila Pazos, Laura Castro Rodríguez, Carmela Sánchez López e Paula García Sobrino.
Precisamente Paula García Sobrino é unha das cinco xóvenes de Esdemga que en xaneiro conseguían o primeiro premio da competicion nacional de escolas de moda Talento&Co co seu proxecto Human 2.0. Un traballo que será o que abra o desfile desta ocasión. O proxecto inclúe unha mochila futurista que se levou a cabo en colaboración coa multinacional española de lecer multimedia BLUSENS e a empresa de LED MoonOff.
O bolso en cuestión é de coiro de alta gama e leva oculto nun dobre fondo un cargador para un panel LED que ilumina o interior do bolso. De igual forma inclúe un dobre usb que permite cargar a batería dun móbil, unha tablet ou unha cámara de fotos. E evita ter que levar dispositivos móbiles na man porque recibe as notificacións do móbil no asa da mochila, grazas a un dispositivo de vibración bluetooth. A entrada ao desfile é gratuíta.
Relacionadas:
-
A estudante de moda Sheila Pazos viaxa cos seus "Paraísos artificiais" á Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
Os paraísos artificiais impóñense en Debut 2015
Por Diego Torrado |
-
Os alumnos de Deseño e Moda buscan modelos para o seu Debut
Por Redacción |
-
Elena Rial amosa o seu talento baixo os focos do Ego
Por Redacción |
-
A Esdemga, gañadora da primeira edición da Competición Nacional de Escolas de Moda
Por Redacción |