Os avogados fórmanse para mellorar a atención xudicial ás persoas con discapacidade
Por Redacción
Co obxectivo de mellorar o acceso á Xustiza das persoas con discapacidade, o Colexio de Avogados de Pontevedra e a Fundación Avogacía Española celebrou este mércores as xornadas formativas 'As persoas con discapacidade ante os procedementos xudiciais. Os estándares da convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade', que contaron cunha notable asistencia de colexiados.
As xornadas márcanse dous obxectivos fundamentais. O primeiro é que o profesional do Dereito coñeza os aspectos crave da Convención Internacional sobre os Dereitos Humanos das persoas con discapacidade como instrumento xurídico directamente aplicable e invocable e a principal normativa de referencia, así como que se familiarice como profesional coa igualdade e non discriminación no trato cos seus clientes con discapacidade. O segundo, dotar ao profesional de coñecementos sobre que é unha discapacidade intelectual e ferramentas prácticas que lle permitan garantir ás persoas con discapacidade o exercicio efectivo do dereito de acceso á Xustiza.
A inauguración das xornadas correu a cargo do decano do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra, Ramón Jáudenes, que destacou que para a avogacía é unha preocupación constante o acceso á xustiza das persoas con discapacidade e, por iso, existe unha gran tradición na colaboración entre as entidades da discapacidade e os Colexios de Avogados e o Consello Xeral da Avogacía.
Ramón Jáudenes agradeceu a asistencia aos colexiados e relatores, pois compartindo os seus coñecementos os avogados tratarán de buscar un futuro mellor e máis digno para as persoas con discapacidade e, se o fan tamén estarán a mellorar a Administración de Xustiza e, por extensión, mellorarán a avogacía. Actividades como esta encaixan no espírito dun colexio que xa é, de seu, solidario e comprometido ao máximo coa función social da avogacía.
As xornadas incluíron un módulo formativo para avogados con dúas mesas que abordaron a Convención Internacional sobre os Dereitos das persoas con discapacidade na súa dimensión teórica e práctica e o acceso á Xustiza e a capacidade xurídica das persoas con discapacidade, denunciando a morte civil.
Entre os relatores estiveron Carolina Vila, da Fundación ONCE; Juan Pablo de la Fuente, da Rede de Xuristas Plena inclusión; Jesús Acevedo, formador en dereitos das persoas con discapacidade de Plena Inclusión Asturias; e Mayca González Collado, responsables do programa de atención a persoas con discapacidade intelectual recluídas e ex recluídas de Plena inclusión Asturias.
As xornadas contan coa colaboración de Fundación ONCE, CERMI e FEAPS e forman parte das actividades da aula de Dereitos Humanos da Fundación Avogacía Española, que ten entre as súas finalidades facilitar un maior e máis adecuado coñecemento por parte dos avogados das particularidades legais e de atención relativas á asistencia xurídica con perspectiva de dereitos humanos a certos colectivos vulnerables, entre eles as persoas con discapacidade.