Lores: "Sen o modelo de cidade que temos, coa crise actual Pontevedra sería un desastre"
Por Alejandro Espiño
Como un neno con zapatos novos. Así móstrase Miguel Fernández Lores cando se lle pregunta polo novo premio concedido a Pontevedra polo seu modelo urbano, o Intermodes 2013. "Para nós é o premio máis importante", di. Entregado por unha axencia colaboradora da Unión Europea en materia de accesibilidade e mobilidade, para o alcalde "é un referendo, un aval internacional a un modelo urbano sostible".
Fernández Lores encabezará a expedición a Bruxelas. Alí recollerá o premio e poderá explicar as bondades dun modelo de cidade que o seu goberno comezou a aplicar hai trece anos, "con máis apoio que oposición", recorda. "E moitos dos que se opoñían facíano por descoñecemento". Agora xa ninguén dubida do éxito deste modelo urbano. "ÿ un premio para todos os pontevedreses", di o alcalde.
Pontevedra recibiu xa moitos premios polo seu modelo urbano, por que cre que este é tan especial?
Pois porque no 2013 seremos un referente para toda a Unión Europa. Non estamos falando de Estocolmo, Bruxas ou Viena. Será Pontevedra, é algo incrible. ÿ a primeira cidade premiada polo seu modelo de mobilidade sostible e pola súa intermodalidade. ÿ un recoñecemento internacional dun modelo urbano que cremos é o modelo a seguir e que ademais cumpre coas directrices máis contemporáneas do que se quere para as cidades.
A cidade ten que ser un espazo para vivir. Temos que facer cidades onde o espazo público sexa agradable, de alta calidade urbana, que sirva para o desenvolvemento da actividade económica, do comercio. E a nosa aposta está aí, a aposta polo comercio local en contra das grandes superficies. Que saias a comprar unha barra de pan e non teñas que coller o coche. Unha cidade compacta con multiplicidade de usos. Que haxa actividade a todas horas. E todo iso pensando na accesibilidade, na seguridade viaria, na seguridade cidadá, na mobilidade, nos espazos públicos. Ese é o noso deseño.
O premio, indubidablemente é por todo o modelo urbano, pero premia expresamente a aposta polos desprazamentos a pé na cidade
Nós puxemos en valor o noso patrimonio, intentamos facer a cidade para os cidadáns. E fomos dando pasos globais nese sentido. Agora nos premian polo noso mapa pedestre. ÿ o primeiro de Europa. ÿ unha idea que se puido concretar nun plano porque temos unha cidade accesible. Podes chegar andando a todas partes porque as distancias son curtas.
Na nosa cidade, a grande maioría dos desprazamentos son a pé, consumimos a nosa propia enerxía. Mira, eu que son médico é como se lles receitáramos aos cidadáns que anden 10 ou 15 minutos todos os días. Eliminamos contaminación, ruído, emisión de gases e facilitamos a actividade física máis normal que é a de andar. E sumado todo iso, facemos unha cidade agradable, segura e accesible para todos.
Supoño que en todos estes anos tamén recibirían propostas que ían en contra deste modelo urbano
"A min me fixeron propostas incluso para facer promocións de 3.000 vivendas en Xeve. Dixen que non. Xeve non é espazo para iso"
E tanto. A min me fixeron propostas incluso para facer promocións de 3.000 vivendas en Xeve. Dixen que non. Xeve non é espazo para iso. Dicían, a cambio facemos un polideportivo, un campo de fútbol, pero logo nós tiñamos que poñer o resto dos servizos. Mira o que pasou en Lugo. O pavillón fíxoo Eroski. ¿A cambio de que? Pois de destrozar o centro de Lugo. ÿ o que está pasando agora en Santiago. ¿Onde está todo mundo?. En As Cancelas. E no centro hai turistas pola praza do Obradoiro que é moi bonita, pero non hai colexios, non hai supermercados, non hai nada.
Mira, é imposible saber o diferencial positivo que temos nesta crise por ter unha cidade destas características. Se tivésemos unha cidade anodina, triste, sen unha mínima calidade urbana, o desastre sería superior. Non quero pensar o que pasaría se tivésemos un par de áreas comerciais. A metade do comercio estaría pechado xa. Ou se non fósemos capaces de atraer eventos como a Vuelta ou o tríatlon. Ou eventos festivos culturais e festivos que son dinamizadores como atractivo para toda a comarca.
Agora nótase que é un modelo amplamente aceptado pola cidadanía, pero non sempre foi así. Que cre que cambiou na mentalidade da xente?
"Chama a atención que moitos dos que se opoñían ao noso modelo urbano, agora sacan peito da nosa cidade"
O noso é un modelo global que se foi deseñando con coñecemento de causa e con certa oposición, é certo, pero eu creo que por descoñecemento. Non entendo que sexa por mala vontade. Pero desde o principio houbo moito apoio social. Sen el isto sería imposible sacalo adiante. Sempre, insisto, houbo máis apoio que oposición. E agora chama a atención que moitos dos que se opoñían, agora sacan peito da nosa cidade.
Á xente gústalle a peonalización da cidade, cada vez máis vese que se retorna a vivir aos centros urbanos e a rehabilitación de edificios está en auxe. A nosa aposta pola accesibilidade urbana e a zona 30 están nesa liña. Imos un pouco adiantados a todo este tipo de cousas que comezan agora a facer moitas outras cidades. E nós seguiremos avanzando. Por exemplo, estenderemos a zona 30 ao rural. ÿ unha demanda social.
Pero o certo é que a proliferación de lombos nas rúas da cidade segue a xerar moitas queixas
Eu non creo que sexa tanto. Todos os cidadáns non queren que o seu fillo saia da casa, que pase un condutor a 80 por hora e o mate. Ese é o concepto principal. Todo o mundo quere pasos elevados diante da súa casa. Vas sumando todos os que pos e fas unha cidade 30 obrigatoriamente por estas medidas físicas. Pero insisto é o que quere toda a cidadanía.
Iso se falamos dos peóns, pero non cre que os condutores terán outra opinión?
E eu o entendo. Eu como condutor se podo escapar dun sitio no que hai pasos elevados, escapo. Saes da casa e queres chegar antes a todos os sitios. Pero o problema é que tes que poñer todo nunha mesma balanza. E ten que saír algo que sexa razoable. Todo o mundo está a favor da seguridade viaria, porque o condutor tamén terá fillos ou sobriños. E el mesmo é un peón. Pero cando sobes a un coche transfórmaste e se non tes unha medida física que te faga parar, embálaste. Te metes en Beiramar con catro carrís, non te das conta e estás a 120.
Eu teño que estar na disxuntiva de que non maten a ninguén. E somos nós, os políticos, os que temos que tomar esa decisión. De aí que se teño que aguantar ao señor que ten que cambiar a xunta da trócola do coche de vez en cando, pois que se aguante. Cambiala vale 200 euros. ¿E enterrar un señor ou deixalo en cadeira de rodas toda a vida? Estamos falando de vidas humanas.
En todo caso, e volvendo ao premio, cre que será un recoñecemento que valorarán todos os pontevedreses?
"Este novo avala un modelo e elevará a autoestima dos cidadáns, porque é un premio para todos. ÿ importante nun momento así"
Pois mira eu creo que avala un modelo e elevará a autoestima dos cidadáns, porque é un premio para todos. ÿ importante nun momento así. E será unha proxección para esta cidade. Eu estou convencido de que Pontevedra é a cidade máis atractiva de Galicia. Temos un casco histórico impresionante, que non ten nada que envexar aos de outras cidades, é unha cidade bonita e accesible e co seu patrimonio ben conservado. Outra cousa son as barbaridades que se fixeron en beiramar, pero iso ven de atrás e non podemos chorar. Non o imos derrubar.
Está convencido, polo tanto, de que atraerá tamén máis visitantes?
Seguramente. A xente que veña a Galicia dirá onde vou. Pois hai unha cidade que é exemplo de toda Europa. Non só virán a Santiago porque ten unha catedral, á Coruña pola Torre de Hércules, a Vigo pola súa ría ou a Sanxenxo porque ten unha praia invadida por edificios. Pontevedra é a grande descoñecida. Somos a cidade máis segura de España, unha cidade accesible, cunha recuperación do patrimonio espectacular, dinámica e agora premiada pola Unión Europa. Son valores que nos van axudar a mellorar esa proxección exterior.
Relacionadas:
-
Intermodes celebra o modelo urbano de Pontevedra e destaca que "debería servir de exemplo en toda Europa"
Por Alejandro Espiño |
-
O premio Intermodes servirá para que Pontevedra "presuma" de modelo urbano ante a UE
Por Alejandro Espiño |
-
Lores: "Presentareime á reelección no 2015 se os cidadáns confían en min e a miña forza política tamén"
Por Alejandro Espiño |