O luns inícianse as obras de saneamento da parroquia de Lérez
Por Redacción
Augas de Galicia iniciará o vindeiro luns, 21 de xaneiro , as obras de saneamento na parroquia do Lérez, no Concello de Pontevedra.
Esta obra forma parte das accións hidráulicas recollidas nun convenio de colaboración para o saneamento do rural de Pontevedra, no que a Xunta achega un total de 7 millóns de euros e o Concello de Pontevedra 3 millóns. Con esta actuación, están en marcha o 100% das obras comprometidas.
A obra que se vai a executar nesta zona de Pontevedra, por un importe de máis de 250.000 euros, consiste na construción da rede de sumidoiros na parroquia do Lérez, polo que se dotará dunha rede de saneamento aos lugares de Fontaíña, O Arco e a Porta da Coxa, para conectala á EDAR de Praceres.
Todas as tubaxes a instalar serán de PVC de 315 mm de diámetro nos colectores principias e de 250mm de diámetro nos secundarios. Executaranse un total de 390 metros de colectores principias e 628 metros de secundarios. Inclúese tamén un total de 36 pozos de rexistro e unha perforación horizontal de 24,9 metros .
Estas obras tamén recollen a reposición de todos os firmes dos pavimentos ao seu estado inicial, é dicir, antes do comezo das obras.
A poboación actual beneficiada é de 386 habitantes desta parroquia, cunha previsión de 500 para o ano horizonte 2035.