Brand Book13 captura a alma das empresas
Por Redacción
Está pensada para atraer ao público, provocar o interese dos consumidores e facilitar a venta de produtos ou de marca, tanto en empresas privadas como en outro tipo de organizacións.
Logotipos, cartelería, menús, packaging, trípticos e toda variedade de papelería, dende tarxetas de visita ata sobres. Nun mercado tan competitivo e cambiante a imaxe corporativa dunha empresa é un dos seus elementos máis importantes e ten que recoller a súa alma, "a súa personalidade, a súa razón de ser".
Unha característica diferenciadora recollida en Brand Book 13, unha exposición dos traballos de 35 alumnos de último curso da facultade de Belas Artes e coordinada pola profesora do centro Ana Soler.
Ata o vindeiro 25 de xaneiro, a sala de Restauración servirá de mostrario dos manuais corporativos que os estudantes de Proxectos de Deseño idearon para tres empresas ficticias: Plants, unha zapatería ecolóxica; Tataki, un restaurante xaponés de fusión mediterránea; e Trips, unha axencia de viaxes.
Proceso creativo
Para desenvolver o traballo, os deseñadores tiveron que centrarse nun longo proceso creativo que parte da recollida de datos das empresas, facendo un estudo previo do que se quere transmitir ao público.
Xa coa información na man, os rapaces van deseñando e desbotando ideas ata alcanzar unha idea central a partir da que crear un símbolo para cada unhas das proposta ata a súa optimización.
Brand Book 13 recolle unha serie de manuais corporativos nos que se poden ver cómo naceu cada logotipo e todo o que o alumnado puido fabricar con el. Un auténtico código creativo de comportamento que sae das aulas para conquistar o mercado.