O CHOP espera a mediados de decembro o pico máis alto da gripe
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Atendendo aos datos achegados polos expertos, o Complexo Hospitalario de Pontevedra espera o pico máis alto de incidencia da gripe para a segunda quincena de decembro.
Para evitar unha situación de colapso, os Hospitais de Pontevedra e O Salnés insisten nas vantaxes da vacinación como medida de protección máis efectiva contra a gripe.
"O reto de todos: a vacinación nos adultos", é o nome dunhas xornadas informativas que terán lugar este xoves a partir das 16.30 horas para incidir na importancia da vacinación na poboación "diana", fundamentalmente traballadores sanitarios e persoal dos corpos e forzas de seguridade.
Para reforzar os seus argumentos a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés achegou datos do pasado ano 2014 no que debido á gripe realizáronse en atención primaria case 60.000 consultas máis que no mesmo período do ano anterior, tamén houbo 9.000 urxencias e 600 ingresos hospitalarios máis por culpa deste virus.
O ano pasado vacináronse 31.131 persoas maiores de 65 anos, un 50 % da poboación desta idade, cando o obxectivo é alcanzar unha cobertura do 65 %.
Xa se cubriron as tres primeiras semanas da campaña de vacinación contra a gripe e por agora vacináronse mil pacientes máis que no 2014, e tamén máis traballadores sanitarios, un 37 % en atención primaria e 11 % na especializada.