Jacobo Moreira pregúntase por que non o invitan á manifestación pola sanidade pública
Por Redacción
Jacobo Moreira, presidente do Partido Popular de Pontevedra e portavoz do grupo municipal no Concello, vese sorprendido ao comprobar que nin a plataforma SOS Sanidade Pública nin o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, convidaron ao PP para participar na manifestación a favor da sanidade pública que percorrerá este venres as rúas da cidade.
A través dun comunicado, os populares manifestan que non contar co xefe da oposición nin cos alcaldes populares da comarca mostra a tinguidura política co que se convoca a manifestación. E considera que esta cita non é unha "defensa seria e comprometida da sanidade pública". Moreira entende que o obxectivo da manifestación é preparar a campaña electoral contra o Partido Popular.
O PP sinala que o BNG sempre trata de organizar unha gran manifestación para resarcirse cando as cousas non lle van ben. Segundo afirma Jacobo Moreira, os nacionalistas pretendían facer unha marcha contra Ence pero "ao darse conta que a cidadanía xa non lles cre, agora recorren á defensa da sanidade pública, coa que todos estamos de acordo", indica Moreira.
Neste sentido, o portavoz popular convida a Fernández Lores para defender a sanidade pública a asinar o convenio coa Xunta de Galicia para permitir que Pontevedra conte co Hospital de Monte Carrasco.
Moreira afirma que a ampliación de Montecelo só carrexará inconvenientes tanto aos pacientes como aos profesionais que traballan neste edificio, coincidindo desta forma coa opinión do xerente do Complexo Hospitalario, José Manuel González.
Relacionadas:
-
Miles de persoas piden na rúa que Pontevedra deixe de ser "unha área sanitaria de segunda"
Por Cristina Saiz & Diego Espiño |
-
O xerente do CHOP considera "un parche" a ampliación do hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
SOS Sanidade Pública chama a unha manifestación masiva o venres por "unha área sanitaria de primeira"
Por Natalia Puga |
-
SOS Sanidade Pública sae á rúa para evitar que Pontevedra se convirta noutro Álvaro Cunqueiro
Por Redacción |