Carmela Silva mediará con Fomento para incluír Castrolandín nos xacementos a recuperar
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou este martes o seu compromiso para potenciar o xacemento de Castrolandín e o seu centro de interpretación e lograr que sexa incluído no convenio asinado co Ministerio de Fomento para a recuperación dos castros da provincia de Pontevedra.
Así o sinalou durante o encontro que mantivo co alcalde Cuntis, Manuel Campos, no que visitou o xacemento, entre outras instalacións da localidade.
Carmela Silva sinalou que a deputación pontevedresa colaborará co concello de Cuntis para poñer en valor o xacemento de Castrolandín e situalo como un polo turístico da vila "ademais de garantir que todos podamos coñecer a nosa cultura".
Igualmente destacou a proposta de Cuntis, xunto a outros na comarca, sobre o termalismo como un exemplo a seguir de colaboración municipal e coa Deputación para potenciar os recursos naturais da provincia.
Pola súa parte, Manuel Campos informou á presidenta da institución provincial da demanda de creación dun polígono industrial ao que esta demandou atención á Xunta, a través de Xestur, e ao SEPES, como administracións competentes na materia. "Sempre poderán contar coa Deputación para colaborar se toman en serio a demanda do concello de Cuntis", afirmou.
Ao respecto das obras que se están realizando no campo das Canteiras, Manuel Campos agradeceu á Deputación a axuda que está a servir para arranxar as pistas de atletismo de cara ao Campionato de España de Marcha que desenvolverase o 6 de decembro en Cuntis.
Por último, o alcalde informou á presidenta das deficiencias que presenta o campo de fútbol da Ran, obras feitas polo anterior goberno da Deputación. Carmela Silva comprometeuse a enviar os técnicos da institución para comprobar a situación do campo e, se procede, demandar á empresa construtora a súa reparación.
Relacionadas:
-
O xacemento de Castrolandín agarda a súa posta en valor
Por Redacción |
-
Cuntis sinalizará todo o seu patrimonio rupestre
Por Redacción |
-
Retoman as escavacións no xacemento da Lanzada para poñer en valor todo o conxunto
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Unha vintena de empresas, interesadas en musealizar os castros da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos
Por Redacción |
-
Prevén a limpeza, musealización e mellora dos accesos ao xacemento de Castrolandín
Por Redacción |