Posta a punto das estradas pontevedresas da Deputación e Fomento
Por Redacción
As nove brigadas de mantemento da rede provincial de estradas da Deputación de Pontevedra acondicionaron dende o mes de setembro máis de 100 vías realizando traballos de limpeza e desbroce de cunetas, limpeza de taxeas, melloras do firme e reparación e instalación de sinais.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou que estes traballos de mantemento, realizados con persoal propio da Deputación, realízanse de forma continua e planifícanse de xeito estratéxico polo departamento provincial de Infraestruturas en función do estado de cada vía e das necesidades puntuais e "contribúen a garantir unha maior seguranza viaria".
FOMENTO
O Boletín Oficial do Estado publicou este sábado a licitación por parte da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento dos traballos de conservación e explotación das principais estradas que dependen do Estado e que comunican a capital da provincia.
Trátase das autovías entre o nó do Pino e o nó de Ence, así como a autovía de Marín, a Nacional 550 no tramo da avenida de Compostela, a Nacional 541 entre Pontevedra e Ourense, a Nacional 550 entre Caldas e Pontevedra e entre Pontevedra e Redondela e a Nacional 554 entre Vilaboa e Rande.
O importe total de 7,1 millóns e o prazo de execución do contrato sería por catro anos.