Fiscalía pide dous anos de prisión por estafa aos responsables do concesionario Auto Mara
Por Redacción
A Audiencia de Pontevedra xulgará a próxima semana un caso de estafa que sentará no banco dos acusados a tres responsables do concesionario Auto Mara de Poio.
Segundo consta no escrito de acusación que formula a Fiscalía, nos primeiros días do mes de abril de 2008, Adrián C.G. visitou o Salón do Automóbil que se celebraba no Recinto Feiral de Vigo e alí contactou cun comercial do concesionario de vehículos KIA de Poio-Pontevedra, cuxo titular é a mercantil Mara Poio S.L. quen lle informou de que no referido establecemento tiñan á venda un vehículo como o que estaba a buscar, en concreto un KIA Carens quilómetro cero de cor negra.
Por esa razón, a primeiros de maio dese ano Adrián desprazouse ao concesionario de Poio e alí entrevistouse con quen aparecía como encargados ou donos do establecemento, en concreto con Manuel C.M., Benito José C.M. e Pablo Guillermo C.M.
Os tres acusados mostraron efectivamente a Adrián un vehículo Kía Carens 2.0 de sete prazas, de cor negra e, "faltando á verdade", indicáronlle que se trataba dun vehículo quilómetro cero, é dicir matriculado a nome do concesionario, que non circulou normalmente por vías públicas e ofrecéronllo en venda cunha garantía de cinco anos. Como queira que a Adrián interesoulle o automóbil, o día oito de abril de dous mil oito acordou cos imputados a compra do mesmo a cambiou da entrega dun vehículo Opel Astra propiedade do seu sogro, valorado en 2.870 euros e a entrega en efectivo de 18.650 euros.
O mesmo día oito de abril o comprador fixo unha entrega a conta por importe de 300 euros e o 13 de maio seguinte efectuou unha transferencia desde a conta de préstamo que subscribiu co BBVA a favor de Mara Poio S.L por importe de 18.350 euros.
Segundo a Fiscalía, en realidade, o automóbil que os acusados entregaron a Adrián non se trataba dun vehículo negro quilómetro cero senón que o Kía Carens fora orixinariamente de cor prateada, foi matriculado e vendido por Mara Poio S.L. a J.M.O.O, quen sufriu un accidente de circulación na estrada PO-241 (Caritel-Antas), ao saírse da vía pola súa marxe esquerda indo chocar cun pretil de pedra e contra a bionda de protección, envorcando seguidamente.
O vehículo foi declarado sinistro total e a compañía Seguros AXA abonou un total de 20.920,48 euros en data a J.M.O.O e fíxolle entrega dos restos.
Os referidos restos foran depositados tras o accidente en Talleres Automara de Poio, propiedade de Manuel C.M. Alí, os tres acusados procederon á súa reparación, repintado e modificación do cuentakilómetros rebaixando un total de 6.102 quilómetros da cifra que figuraba nel.
J.M.O.O. presentou na Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra unha solicitude de transferencia do vehículo a favor de Ponte Roda S.L. e con ela achegou xustificación de abonar o imposto de transmisións e o correspondente imposto municipal ao Concello de Poio. No documento achegado aparece o selo de Mara Poio S.L.. Seguidamente, unha vez que Adrián abonou a totalidade do prezo pactado tramitouse a transferencia ao seu favor.
O representante do Ministerio Fiscal entende que os referidos feitos constitúen un delito de estafa polo que procede impoñer a cada un dos acusados a pena de dous anos de prisión.
Como indemnización, os tres acusados, de forma conxunta e solidaria deberán abonar a Adrián a cantidade de 21.520 euros correspondente ao prezo pago máis o importe dos intereses pagos polo financiamento do vehículo que ascende a 3.104,26 euros.