O loro Ravachol proxéctase neste Entroido sobre a cidade igual que Batman
Por Anxo Lourido
Este ano o Entroido chega moi cedo. O día 8 de febreiro comeza a celebración do entroido pontevedrés coa chegada do Rei Urco en compañía de "moitas comparsas". Así o anunciaba a concelleira de Festas, Carme da Silva quen indicou que, a pesar de que dúas comparsas habituais como Os Canecos e Amoriños non participarán este ano polo falecemento dun dos seus membros, haberá novos participantes nesta edición como A Esmorga.
Rexistraranse tamén outras novidades como o adiantamento de media hora do desfile principal do sábado 9 de febreiro para evitar que se faga de noite durante o seu transcurso. Comezará ás 5 da tarde e terá o percorrido dos últimos anos partindo da rúa Xosé Malvar. O martes de Entroido será unha xornada de actividade pirata con festa infantil na Ferrería e o desfile da Noite Pirata.
O peche do Entroido promete ser espectacular coa celebración da Velada Infausta, un acto cuxo obxectivo é render unha homenaxe ao loro e ao boticario cunha programación similar á que hai un século serviu para conmemorar a morte do simpático paxaro con lectura dun Introito unha danza da morte a cargo de Celme, actividades de Boa Vila e Val do Lérez e un concerto final, coincidindo coa incineración, de Roi Casal e Nando Casal, que servirá para recordar que Perfecto Feijóo foi o primeiro en facer un disco en Galicia.
Para esta edición vai manterse a contía dos premios tanto no desfile como na Mostra da Parodia e no Certame de Murgas. O prazo para inscribirse finaliza o 8 de febreiro.
A concelleira Carme da Silva na presentación da programación estivo acompañada polo debuxante Kiko da Silva cuxo cartel para o Entroido deste ano intenta xogar coa idea de que o boticario Feijoo e o loro Ravachol era superheroes que polas noites se convertían en Boticoman e Lori. Por ese motivo, o cartel ofrece unha visión moderna coa silueta de Ravachol imitando a de Batman proxectada sobre a Peregrina.