Unha nova sentenza anula a concesión do aparcamento de Veteris e a súa apertura
Por Oskar Viéitez
Novo varapalo xudicial para o Concello de Pontevedra. O Xulgado do Contencioso Administrativo número tres desta capital ditou unha nova sentenza en relación co caso Veteris que nesta ocasión anula non un acordo do Concello, senón tres decisións do goberno municipal.
Trátase da aprobación definitiva do proxecto de concesión e os pregos para a concesión do párking, a adxudicación directa a Veteris da explotación e a autorización para a posta en marcha do estacionamento.
Segundo o voceiro do grupo muncipal do PP, Jacobo Moreira, "as batallas xudiciais do goberno do alcalde Lores cóntanse por derrotas".
Estas contínuas resolucións xudiciais contrarias ao Concello de Pontevedra no caso do polémico aparcamento soterrado baixo a rúa de Antón Fraguas certifican para os populares "a incompetencia do concelleiro do BNG Cesár Mosquera e do seu compañeiro do PSdeG-PSOE Antón Louro con obstinada contundencia".
No caso desta última sentenza, anula eses tres acordos adoptados pola Xunta Municipal de Goberno entre xullo e outubro de 2010 para posibilitar que Veteris iniciara por fin a explotación do aparcadoiro "tras moitos anos afogada nun absurdo túnel burocrático e boa parte dese tempo coas prazas do párking baleiras e prohibidas", dixo Moreira.
"As batallas xudiciais do goberno do alcalde Lores cóntanse por derrotas"
A sentenza, facilitada polo Partido Popular, lembra as resolucións anteriores do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Supremo, que anularon a modificación do PXOM ou o PEID (Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións) ligados ao caso, e chega a dicir que "poucas veces se acada este trámite cunha determinación tan evidente, tan clara, grazas aos antecedentes xudiciais". "E dicir que estaba clarísimo e cantado", remachou o xefe da oposición municipal.
En rolda de prensa, Jacobo Moreira suliñou que os acordos da Xunta de Goberno só terían base legal se existira unha disposición no PXOM que lles dera amparo, pero nin sequera iso ocorría nas datas mesmas en que foron adoptados, pois os tribunais xa resolveran con anterioridade a anulación da devandita modificación do Plan Xeral.
"O proceso parece case abocado a non ter saída, salvo o pago da devandita cantidade de diñeiro"
"O Concello está a xogarse pola deficiente e irresponsable xestión de Mosquera a cantidade duns 4,7 millóns de euros", dixo o voceiro popular, estes cartos corresponden a indemnización que habería que abonar a Veteris polas obras executadas no seu momento, máis o resultado da explotación "chapuza tras chapuza", dixo.
Neste sentido, o Partido Popular entende que un párking público baixo solo público, ademais de que non se pode adxudicar a unha empresa de xeito directo "como reiteradamente din as referidas sentenzas xudiciais", podería ter autonomía propia e non estar vencellado a un aparcamento soterrado de carácter privado, como ocorre neste caso.
"O proceso parece case abocado a non ter saída, salvo o pago da devandita cantidade de diñeiro", lamentou Moreira. "De calquera maneira, o caso Veteris converteuse xa nunha emblemática proba, non a única evidentemente, da disparatada teimosía do alcalde Lores ao manter durante anos a Cesár Mosquera ao fronte do urbanismo pontevedrés", concluíu Moreira.