Sen luz en Ponte Sampaio e A Canicouva pola caída dunha árbore sobre o tendido eléctrico
Por Oskar Viéitez
A caída dun piñeiro sobre unha cruceta do tendido eléctrico deixou sen luz ás parroquias pontevedresas de Ponte Sampaio e A Canicouva. O apagón, que afectou a 1.089 clientes da compañía, produciuse ás 01.40 horas, debido ao corte do subministro na central da Fontiña, no término municipal de Pontevedra.
Segundo informa Gas Natural Fenosa, os servizos técnicos conseguiron recuperar tras unha hora de traballo o servizo do 39% da poboación afectada, e en torno ás catro da madrugada conseguiuse reparar por completo a avería.
Con todo a primeira hora da mañá o colexio de Ponte Sampaio seguía sen luz. "Posiblemente a causa do corte, a instalación do centro resultase danada dalgún xeito", comentaron desde a empresa.
Veciños de distintos lugares de ponte Sampaio indicaron que nalgúns puntos de poboación o corte se prolongou ata pasadas as 11.00 horas e contradín a versión de Fenosa asegurando que ás 9.00 horas chamaron ao servizo de atención ao cliente e lles aseguraron que aínda o estaban a arranxar, de modo que "é imposible que ás catro xa estivese arranxado".
O temporal de choiva de nivel laranxa que afecta desde esta madrugada á provincia de Pontevedra atópase detrás desta incidencia. Na estación meteorolóxica situada en Lourizán, desde as 12 da noite e ata as dez da mañá recolléronse 30,8 litros por metros cadrado.
Tamén Augas de Galicia alertou do incremento xeralizado, con especial intensidade a partir do medio día, do caudal dos ríos, o que podería provocar desbordamentos en ríos como o Umia, o Lérez ou o Verdugo.