Os dous "tenores da rúa" que namoraron os pontevedreses
Por Alejandro Espiño
"Nunca na miña vida escoitara algo tan bonito", di María con bágoas nos ollos. Ten 83 anos e xamais escoitara cantar ópera en vivo. "Non sabedes o feliz que me fixéchedes, cando volvedes?", pregúntalle a Felipe e a Jaime. "Vimos todas as semanas, martes ou mércores", responden eles. "Pois aquí estarei, non mo perderei mentres poida".
María atopouse con Felipe Céspedes e Jaime Ríos, dous chilenos afincados en Santiago de Compostela, igual que o fixeron centos de pontevedreses. Paseaba pola rúa Peregrina e deixouse atrapar polas voces destes dous tenores. Todas as semanas sitúanse no mesmo sitio, os baixos do edificio de oficinas de Construcuatro. Son os primeiros intérpretes de ópera na rúa que visitan a nosa cidade.
De onde saíron?, pregúntanse os pontevedreses atraídos pola súa música, algúns ata durante case a hora e media que dura a súa actuación. A súa historia é bastante peculiar. Ata hai seis anos non se coñecían. Chegaron a Galicia cada un polo seu lado "o mesmo mes do mesmo ano", di un moi sorrinte Jaime, e coincidiron no conservatorio de música de Santiago.
"Eu estaba buscando a alguén co que cantar e escoitei a Felipe", relata o maior dos dous. "El estaba comezando a lírica e pareceume que tiña unha voz espectacular para cantar ópera e animeino a que me acompañase nisto". Como recorda o propio Felipe "eu recentemente empezaba a estudar no conservatorio". Debido ás circunstancias da vida, "coñecémonos e empezamos a interpretar ópera na rúa".
Decidiron facelo empuxados pola súa situación económica. Foi hai case tres anos. "Estaba empezando a crise e como foi indo a peor, veunos ben para sobrevivir", recoñece Felipe. "Eu daba clases, pero baixou moito o número de alumnos", explica. Iso si, a experiencia valeu a pena. "Ata o momento foi bastante bonito, a xente en Galicia nos quere moito", comentan orgullosos.
"Xa viches a resposta da xente. Sentímonos ben, porque podemos vivir, aínda que sen grandes luxos, axúdanos e podemos seguir estudando e recibimos o agarimo da xente", afirma Felipe. Un público que xa se afixo a eles. Actúan principalmente en Santiago, pero no inverno desprázanse a Pontevedra unha vez por semana "porque aquí o movemento na zona vella é maior".
Iso si, os inicios non foron fáciles. "O peor é a choiva", aseguran entre risas. "Dábanos moita vergoña cantar na rúa", di Jaime, quen antes de chegar a Galicia formaba parte da ópera de Chile. "Pero cando o fixen descubrín que a xente necesita escoitar esta música. Volver a sentimentos moi profundos do pasado, que a xente ten esquecidos. Dámonos conta cantando e co agarimo que recibimos que tocamos á xente e eles tamén nos tocan a nós. ÿ moi lindo".
"A xente necesita escoitar esta música. Volver a sentimentos moi profundos do pasado, que a xente ten esquecidos"
E iso que cantar ópera na rúa é complicado. "Hai que ter un bo material vocal, pero tamén hai que dedicarlle tempo a estudar o proceso da afinación, respiración, que a voz non quede atrás, son cousas esenciais", explican ambos. "Cantar na rúa é difícil porque non hai ningún tipo de resonancia, hai que proxectar a voz e tes que ter coidado para non danarte", e sobre todo teñen que chamar a atención do público. "A xente anda camiñando, comprando, veñen do traballo e costa que se deteña a escoitarte".
Por iso, chegar a Pontevedra e que se reúnan ducias de persoas a escoitalos éncheos de orgullo. "Motívanos doblemente", asegura Jaime. "O seu apoio é fundamental. O artista sabe que é a xente o que nos fai cantar mellor, con máis enerxía, con máis calidade. Se cantas só é algo técnico, non hai sentimento. A xente coa súa expresión, coa súa mirada, coa súa alegría, motívate e dache máis enerxía e ganas de seguir".
E a que achacan o seu éxito? "Nós o que facemos é cantar arias, que é algo máis fácil, máis levadeiro e máis do gusto da xente", di Jaime. Cre que hai moita xente que non está disposta a "comerse" unha ópera completa, "porque é moi longa e está noutro idioma". Por iso, asegura "o noso é presentalo da forma máis linda, resumindo varias óperas e á xente gústalle".
Interpretan principalmente pezas de ópera italiana, "xa que é o país que maior riqueza lírica transmitiu á música". Pero o su repertorio tamén entran cancións líricas de fala hispana, ou ópera francesa e alemá. E entre os seus logros, destacan un. "Hai xente que non escoitaba ópera e que grazas a oírnos empezou a comprar discos". Conseguir iso, din, é bo para todos. Entenden que "a ópera é de todos, non é elitista. Quen a describe así é quen trata de apartala do público".