O programa Apego inicia obradoiros para familias e profesionais que queiran fomentar a língua
Por Redacción
Coa intención de fomentar a lingua galega para que se transmita entre as xeracións máis novas, o programa Apego ao que se adheriron 12 concellos, entre eles o de Pontevedra, organiza obradoiros para familias e para profesionais que se van a desenvolver durante o último trimestre deste ano.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou esta programación que se desenvolve coas xornadas para profesionais o xoves 12 e o 19 de novembro no que se tratarán os materiais didácticos en galego para educación infantil. Trátase dun curso impartido por Fabaloba para 25 profesionais da educación.
Tamén se desenvolven obradoiros para familias, un céntrase en 'A casa encantada de Alí' para menores de seis anos; e outro para aprender a cantar "arrolos de salitre" para menores de dous anos.
Ademais, o programa contén outras actividades como Sementiñas, un encontro en galego para menores de 2 anos e as súas familias. Serán no Pazo da Cultura o luns 9 de novembro. Mentres que no evento Cántamo en Galego entrevistarase a Lydia Botana que presenta o seu novo proxecto de música infantil, a entrada é libre o xoves 26 na Casa da Luz.