Unanimidade na Deputación para apoiar aos bombeiros forestais e as beirarrúas de Campelo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno extraordinario deste mércores deu conta da renuncia ao cargo de deputado provincial presentada por Jesús Vázquez Almuíña, unha vez que foi nomeado conselleiro de Sanidade.
Almuíña, xunto a Elena Muñoz e Chema Figueroa eran os deputados do PP na corporación provincial de Pontevedra polo partido xudicial de Vigo. A súa presenza na corporación provincial era un respaldo da súa organización política tras revalidar a súa maioría absoluta no Concello de Baiona. O PP ten previsto que Vázquez Almuíña sexa substituído polo alcalde de Redondela, Javier Bas.
Na sesión plenaria aprobáronse varias mocións por unanimidade, unha delas do PSOE na que se demandaba ao Ministerio de Facenda a regularización da fiscalidade das pensións dos emigrantes retornados, outra moción do BNG sobre unha proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética.
Tamén se aprobou unha moción do Partido Popular na que o goberno provincial asume como "actuación prioritaria" a urbanización estrada de Campelo na que "non existía ningún compromiso formal por parte do anterior presidente da institución, Rafael Louzán", como se encargou de lembrar o deputado do BNG, Uxío Benítez, responsable de infraestruturas.
Con anterioridade tomou a palabra en nome da Asociación de veciños de Campelo, José Currás Martínez, quen dirixindo se aos deputados afirmou "pídolles de corazón que se mollen un pouco polo pobo de Campelo xa que non hai niguén que mire por nós", dixo.
Ademais os socialistas presentaron outra moción, que do mesmo xeito que as anteriores contou co apoio unánime de todos os deputados, sobre cuestións relacionadas co servizo de extinción e prevención de incendios forestais en Galicia, demandando á Xunta de Galicia que se evite a privatización deste servizo.
Medio centenar de brigadistas asistiu ao Pleno durante o debate desta moción, tomando a palabra un dos seus portavoces, Javier Estévez, quen explicou con detalle a súa situación laboral.
En concreto, a moción aprobada defende un "servizo único", o recoñecemento da categoría laboral destes traballadores como bombeiro forestal e promover a seguridade laboral deste colectivo. Todos estes puntos foron acordados cos propios traballadores e responden a "defensa dun modelo distinto do xa existente", matizou a presidenta Carmela Silva.
Finalmente a presidenta da Deputación, Carmela Silva, leu unha declaración institucional conxunta de toda a corporación con motivo da Marcha estatal contra as violencias machistas do día 7 de novembro en Madrid.
Relacionadas:
-
A mellora da estrada entre Lourido e Campelo, "máis preto"
Por Redacción |
-
O PP cre que Campelo quedará sen beirarrúas segundo o decálogo da Deputación
Por Redacción |
-
O PP esixe ao goberno local que asuma como "prioritario" o acondicionamento da estrada de Campelo
Por Oskar Viéitez |
-
Poio contará coa axuda da Deputación para mellorar as súas infraestruturas deportivas
Por Redacción |
-
O consorcio provincial de Bombeiros aproba un orzamento de 3,2 millóns para o vindeiro ano
Por Redacción |
-
A Deputación insta a devolver aos retornados de Alemaña o que tributaron polas súas pensións
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla Umia traslada as súas protestas á Axencia Tributaria
Por Cristina Saiz |