A Deputación insta a devolver aos retornados de Alemaña o que tributaron polas súas pensións
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra fixo súa a petición das asociacións de emigrantes retornados para reclamar ao Ministerio de Facenda que devolva de oficio este mesmo ano as cantidades que cobrou ata 2013 en materia de IRPF aos pensionistas que regresaron tras traballar en Alemaña.
Unha portavoz das plataformas de afectados, Silveira Álvarez, tomou a palabra ao comezo do Pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra para explicar cúal é a súa situación e lembrou que xa existen varias sentenzas que lles dan a razón aos emigrantes retornados en virtude dun tratado bilateral hispano-alemán, vixente ata 2012, que exime de tributación a estes xubilados no Estado español.
En Galicia o Tribunal Superior de Xustiza tamén avalou o pasado mes de marzo que os emigrantes procedentes de Alemaña estaban exentos de impostos en España.
A instancias do PSOE que foi quen propuxo unha moción para a regularización da fiscalidade das pensións dos emigrantes retornados o pleno deste mércores situouse unánimemente a favor deste colectivo.
O deputado do PSOE, Juan González, alcalde de Nigrán, lembrou que estes afectados "non son nin estafadores nin investidores" pola contra, sinalou que os emigrantes "son un dos principais activos de Galicia".
Pola súa banda, a deputada do Partido Popular, Elena Muñoz, tras lembrar que durante a súa etapa como conselleira de Facenda mantivo un estreito contacto con este colectivo, asegurou que "non imos utilizar a súa situación para obter rédito político".
O acordo foi aprobado por unanimidade, acordándose, entre outras medidas, que a Deputación lle reclame tamén a Facenda que acate as sentenzas xudiciais e devolva ademais as cantidades que pagaron os emigrantes retornados en Alemaña en materia de IRPF polas súas pensións.
Os deputados pontevedreses entende necesario que o Ministerio de Facenda inicie unha "campaña informativa sobre a regularización destas rendas" e que "repare o dano moral causado".
Relacionadas:
-
Unanimidade na Deputación para apoiar aos bombeiros forestais e as beirarrúas de Campelo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla Umia traslada as súas protestas á Axencia Tributaria
Por Cristina Saiz |
-
Os emigrantes retornados do Salnés seguirán reclamando nas rúas "xustiza no tratamento fiscal"
Por Redacción |