Retiran tres colmeas de avespa asiática en Vilalonga, Dadín e Dorrón
Por Redacción
Ata tres niños de avespa asiática retiráronse nos últimos días en diferentes parroquias do municipio de Sanxenxo, segundo informou este luns a Concellería de Medio Ambiente.
O último deles foi localizado no hórreo dunha vivenda particular na Xuncablanca, Vilalonga.
Foi o propietario quen alertou do perigo do enxame e solicitou a súa retirada, polo que Medio Ambiente puxo en coñecemento da Consellería do Medio Rural, encargada do control desta especie invasora, a existencia do niño e acto seguido solicitou a Tragsatec, dependente da empresa pública Tragsa, a retirada do mesmo.
Dotado dun traxe homologado e especial para a realización deste tipo de traballos, o técnico de Tragsatec procedeu primeiro a impregnar o niño do correspondente insecticida que neutralizou ás avespas para posteriormente desprendelo e eliminalo.
No caso da Xuncabranca, a altura da colmea non requiriu de ningún accesorio especial dos que dispoñen os operarios de Tragsatec debido a que é habitual que se atopen mesmo a 30 metros de altura, o que dificulta o seu acceso. Nestes casos utilizan pértegas extensibles que permiten fornecer o insecticida sen risco para os operarios.
Esta mesma empresa retirou tamén dous niños situados en Dadín e Dorrón.
A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, anima aos veciños que detecten niños de avespa asiática a poñelo en coñecemento do 012, teléfono que centraliza as chamadas dos cidadáns sobre avistamentos destes enxames, aínda que a eliminación final sexa coordinada polo departamento municipal.
Relacionadas:
-
Ollo, isto non se toca! Son trampas para eliminar avespas asiáticas
Por Redacción |
-
Protección Civil de Cambados retira tres enxames de avespa asiática
Por Redacción |
-
Alerta en Lourizán ante a presenza dun niño de avespas asiáticas preto das casas
Por Redacción |
-
Retiran un niñeiro de avespas asiáticas en Marín preto dun centro escolar
Por Redacción |
-
Evacúan en helicóptero un campista en San Vicente do Mar tras sufrir a picadura dunha avespa
Por Redacción |