Aquilina Alonso, 104 anos: "Con los viejos no me gusta salir porque no tienen conversación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Chega María Aquilina Alonso Pérez á terceira planta do Concello de Pontevedra e empeza a revolución. Cada outubro desde hai catro anos déixase caer por alí, coqueta, dicharacheira e con moitas ganas de que lle fagan fotos. Este mércores volveu e non se deixou ningunha desas tres facetas en casa. Chegou cunha imaxe diferente á dos anos anteriores, sentada nunha cadeira de rodas, pero deseguido quixo deixala de lado para sentar nunha cadeira da zona de recepción e, pouco despois, desprazarse, da man do alcalde, ata o seu despacho.
Cadeira aparte, a escena lembraba en todo á de anos anteriores. Quila, como a coñecen os seus familiares e amigos, acode para saudar a Miguel Anxo Fernández Lores, "que me regale aunque solo sea un clavel" e falar coa prensa con motivo de "os meus catro aniños". Este mércores cumpre 104 anos, pero prefire dicir que "hoy cumplo cuatro añitos" do seu segundo século de vida.
Desde hai uns meses necesita unha cadeira de rodas para moverse porque "un buen día me encontré con que por la mañana no podía andar, me vino como una parálisis". Non sabe o motivo, pero si que non está disposta a que esta situación cambie a súa vida. Cada día, sempre que pode, sae á rúa. Faino "a ver a Lorenzo" e pregunta con pillería aos xornalistas que a rodean á súa chegada ao Concello: "¿Sabéis quién es Lorenzo?". A resposta non se fai esperar: "Es el sol, que es muy amigo mío, si yo salgo, él también".
Nesas saídas diarias dá paseos polo centro de Pontevedra, toma café no Cafetín ou na casa dun amiga e conversa con todo aquel co que se cruza. E é que esta coqueta de 104 anos nunca decae, non é de mirar moito tempo a televisión porque "todo son tiros", non queda na casa nin lle gusta relacionarse con persoas da súa idade, senón que opta por acompañantes máis novos coas que "hablar de lo que pasa en el mundo", pois "con los viejos no me gusta salir porque no tienen conversación".
Entre os seus temas de conversa predomina falar da cidade e, cando a recibe o alcalde, confésalle que é unha grande admiradora súa e de Pontevedra. El é "el mejor alcalde de España" aínda que "tiene algunos defectillos" como a falta dalgúns bancos nalgún punto da cidade polo que ela habitualmente pasea.
Este mércores chega ao Concello co look impecable, un habitual no seu día a día. Fai a manicura, leva os pendentes a xogo co anel e combinado co colar e, para esta ocasión, elixe un vestido morado do que se sente moi orgullosa. De todos os xeitos, a súa coquetería lévalle a preguntar a funcionarios e xornalistas se lles gusta, aínda que xa sabe que a resposta será que si. Recoñece que "soy muy mimosa" e lle gusta que lle dean agarimo e atencións e, por fortuna, recíbeas a diario. Os seus sobriños e sobriños netos acompáñana sempre que poden e tres deles tamén van con ela á recepción con Lores.
María Ángeles Alonso é a súa sobriña de maior idade, monxa Dorotea destinada actualmente en Tui, e este mércores chega con ela ao Concello. Por que? A sobriña explica que o motivo é "que me dijo que tenía que venir por la tarde a la merienda que celebramos con toda la familia, pero lo más importante es lo de por la mañana, que vienen los paparazzi". De feito, "si no hubiera paparazzi, ya no venía". Xunto a ela chegan dúas persoas máis familiarizadas coas instalacións municipais, os seus sobriños netos Xabier Munáiz, avogado do Concello; e Jaime Agulló, director do Instituto Municipal de Deportes. El escapa das fotos, a diferenza que a súa tía, encantada de pousar, tanto soa como abrazada ao alcalde e ao ramo de rosas que lle regala, como cada ano. Porque "as flores son o mellor agasallo que hai" e mesmo avisa á prensa para o seu 105 aniversario: "el próximo año, si no me traéis una flor, no les respondo".
Relacionadas:
-
Falece a popular centenaria Aquilina Alonso
Por Redacción |
-
O segredo da lonxevidade dos 105 anos de Aquilina
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedreses por padrón
Por Redacción |
-
103 anos e unha nova visita ao alcalde
Por Mónica Patxot |
-
Quila Alonso, unha coqueta de 102 anos
Por Natalia Puga |