O Concello, á espera da autorización da Xunta á cesión do seu edificio en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
Antes de final de ano, a antiga delegación da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal podería ser cedida ao Concello de Pontevedra. Así o espera, polo menos, o alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores pediullo ao presidente autonómico na entrevista que ambos mantiveron o pasado mes de xullo. Alberto Núñez Feijóo prometeu estudar esa petición e dar unha resposta. Pasados case tres meses, o alcalde asegura que reiterará esa demanda.
Miguel Anxo Fernández Lores, que se reuniu este martes con directivos da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), volveu sinalar a idoneidade deste inmoble para destinalo a políticas de promoción económica e emprendemento.
"É un tema de interese xeral", destacou o alcalde. O Concello espera que a Xunta aprobe unha cesión mínima de dez anos, despois de comprobar que a recualificación que querían impulsar é de complicada execución, debido á esixente normativa urbanística que está vixente actualmente. "Chegaron a manexar varios proxectos", recoñeceu, pero recibiron informes negativos dos propios servizos de Urbanismo da administración autonómica.
O obxectivo do goberno municipal é que se converta na sede do viveiro de empresas vinculado co Campus Crea da Universidade de Vigo que se ía a construír na zona da Barca e que decidiu paralizarse ao entender que non daba tempo de levantar un edificio novo antes de final deste ano, prazo que marcaba a subvención que ía solicitar a Fundación INCYDE, organismo dependente das cámaras de comercio españolas.
Entende Fernández Lores que, a pesar de atoparse sen uso e abandonada desde que as dependencias administrativas da Xunta se mudaron a Campolongo, podería utilizarse se se realiza un investimento económico razoable. Acollería este viveiro de empresas e tamén cubriría as necesidades da universidade en materia de investigación. A sala de exposicións e o seu auditorio servirían ademais para outros usos culturais.
No caso de que a Xunta responda negativamente a esta petición, o Concello de Pontevedra trataría de buscar un novo emprazamento para este viveiro, pero xa para 2016.
Relacionadas:
-
Lores buscará o respaldo da Corporación para reclamar a Feijoo que ceda o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
AJE abrirá un viveiro de empresas no porto de Marín con espazo para 'showcooking'
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda arrefría os plans do Concello para converter en viveiro de empresas a vella sede da Xunta en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo e Lores chegan a un principio de acordo para pagar a débeda con Sogama
Por Oskar Viéitez |
-
Un centro cívico social e cultural, proposta do BNG para o vello edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |