Educación estuda a rezonificación da cidade para distribuir as prazas dos colexios públicos
Por Redacción
A consellería de Educación estuda a opción de reordenar a repartición de alumnos nos colexios públicos da cidade despois de que a Asociación de Nais e Pais do Colexio Barcelos manifestase o seu malestar pola eliminación para este curso dunha das aulas de Infantil.
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, na súa visita deste martes a Pontevedra indicou que se está a analizar unha nova zonificación, un proxecto para o que será necesario un acordo entre centros escolares, comunidade educativa, familias e concello, ademais da administración autonómica. Á demanda dos pais de alumnos deste centro, Rodríguez indica que a supresión da aula infantil responde á xestión racional dos recursos públicos que se sustenta en informes técnicos.
Neste sentido, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, engadiu que xa levan varias modificacións de zonificación en Pontevedra relacionadas co Crespo Rivas, o Vidal Portela ou a zona de Monte Porreiro. Apuntou que agora se está a estudar a petición desde o colexio público de Barcelos.
Pérez Ares, con todo, indicou que nos últimos anos ofrecéronse cincuenta prazas para este centro e todas tiveron demanda pero para este curso só se cubriron seis prazas nunha primeira convocatoria que se aumentaron a 15 nunha segunda. Ao final, trasladáronse a outros alumnos para manter unha aula de 25.
A Xunta xustifica este descenso de alumnos no descenso da taxa de natalidade e iso provoca que na actualidade haxa máis de 184 prazas vacantes de menores de tres anos, indicou Pérez Ares. O xefe territorial de Educación engadiu que para redistribuír aos alumnos é necesario que exista consenso entre todas as partes implicadas. Afirmou que existe un estudo elaborado por parte da inspección educativa que será trasladado aos directores para que despois sexa debatido polo consello municipal e pola xefatura territorial antes de que se poida levar a cabo este cambio.
Relacionadas:
-
Mil estudantes contarán cun novo plano de zonificación escolar para o curso 2017/18
Por Redacción |
-
Reclaman á consellería de Educación o novo mapa escolar "que leva un ano metido nun caixón"
Por Redacción |
-
Protesta de pais de Barcelos: "Coa cuarta parte do que gastan en conselleiros, teríamos arreglado o problema"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |