Alertan de que a custodia dunha media de sete presos diarios reduce a presenza policial na rúa
Por Natalia Puga
O 8 de xaneiro os axentes da Policía Nacional empezaron a asumir unha nova competencia, a custodia dos presos do centro penitenciario da Lama e doutras prisións que cheguen á cidade para asistir a xuízos, ao centro hospitalario ou a calquera acto familiar autorizado. Dende entón tiveron baixo a súa vixilancia unha media de entre seis e sete internos cada día, unha cifra da que xa alertan que minguou a presenza policial na rúa.
A nova competencia, que ata agora asumía a Garda Civil, asúmena os axentes asignados ao Grupo Operativo de Resposta (GOR) da Comisaría Provincial e o volume de presos que lles están a chegar motivou que os funcionarios teñan que dedicarse case en exclusiva a custodiar os internos, deixando para un segundo plano as súas tarefas de seguridade cidadá.
O voceiro local do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Luis Calvo, denuncia esta situación e sinala que xa se deu a situación de que "hay que quitar a gente de la calle y la custodia de los presos es importante, pero la seguridad ciudadana también, estar en la calle para dar seguridad".
Segundo indica, houbo días como este luns 14 de xaneiro en que tiveron en custodia nove internos, aos que hai que sumar as persoas detidas polas policías Nacional e Local, de forma que non é raro que cheguen a dez custodias diarios.
A situación motivou que os 12 axentes asignados ao GOR "ya están renunciando a sus días de libranza para completar los servicios", xa que tamén teñen que vixiar os presos ingresados no módulo penitenciario do Hospital Provincial e facer substitucións nen a porta da Comisaría.
O SUP non cuestiona que teñan que realizar este novo labor, pois "é o que se ordena e o acatamos", pero si que reclaman que se reforce con 15 persoas máis o persoal da Comisaría para que a atención ao cidadán non se vexa resentida.