Morreu Toxiño o golfiño que varou na Toxa polo Nadal
Por Oskar Viéitez
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-Cemma acaba de informar da morte de Toxiño.
Este golfiño aparecera varado ao pé da ponte da Toxa o día 30 de decembro.
Tratábase dun exemplar macho de golfiño común (Delphinus delphis) de 126 cm de lonxitude, que naquel momento puxo en marcha o dispositivo de asistencia para a recuperación.
Diante da imposibilidade de liberar ao animal, foi transladado ás instalacións do Acuario do Grove, e posteriormente a unha piscina de maior tamaño posta a disposición pola empresa Mariscos Viveiros de Vigo, onde foi instalada unha Unidade de Coidados Intensivos provisional.
Durante 13 días os equipos de asistencia e voluntariado da CEMMA estiveron atendendo ao golfiño 24 horas. O animal amosou certa melloría evolucionando favorablemente durante os primeiros días chegando a alimentarse só.
Finalmente na mañá do día 11, caeron as súas constantes vitais non conseguindo superar a fase de recuperación. Toxiño supuxo o cetáceo que estivo ingresado durante máis tempo en recuperación, noutros casos anteriores os animais non superaron os 8 días de tratamentos.