Fiscalía pide 3,6 anos de prisión para un constructor pontevedrés acusado de estafa e falsidade
Por Oskar Viéitez
Un constructor de Pontevedra sentarase no banquiño, acusado de estafa e falsidade. A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou o xuízo para o xoves 17 de xaneiro por uns feitos que se remontan ao ano 2007.
Segundo o relato que fai a fiscalía, o acusado M.C.B. comprometeuse, actuando en nome da empresa Procove 2002 SL, á construción dun edificio en Marín. No contrato figuraba que o fornezo de materiais sería en nome da empresa Barroso e Cajiao S.L. Ademais o acusado fixo constar no seu domicilio á empresa sevillana Procove, e en nome desta contratou á empresa Prieto e Valladares.
Así chegou a aceptar en nome de Procove ata 22 albaráns por máis de trinta mil euros, segundo a Fiscalía "sen ter facultade ningunha para asinar tales albaráns" As certificacións polas obras contratadas e realizadas eran emitidas polo propio acusado.
Prieto e Valladares por impagamento demandou a Procove ante o xulgado, sendo esta firma condenada en rebeldía, "porque o acusado, habendo recibido a notificación do xuízo e outras notificaciones, ocultou a existencia do procedemento a Procove", que foi condenada ao pago da multa, os intereses e as costas do xuízo.
O Ministerio Público entende que estes feitos constitúen un delito de estafa e outro continuado de falsidade, polo que solicita ao tribunal que se lle condene a unha pena de tres anos e seis meses de prisión, ademais dunha multa de 10 meses a razón de 10 euros cada día.
Ademais a Fiscalía pide que o acusado indemnice a Procove 2002 ou á outra firma, Prieto e Valladares, en 30.371 euros, "así como outros prexuízos que se acrediten, máis os intereses previstos legalmente".