O PSOE oponse a que multen por mexar, poñer música alta ou facer deporte nas praias do Grove
Por Alejandro Espiño
"Unha proposta innecesaria que pode ter consecuencias moi prexudiciais na afluencia turística". Así cualifican desde o PSOE de O Grove a ordenanza reguladora do uso de praias que prepara o goberno municipal. Recordan que as actividades lúdicas, deportivas e turísticas desenvólvense "sen ningún tipo de problemas dende hai décadas" e lamentan o fomento deste tipo de medidas coercitivas.
Os socialistas aseguran que as praias de O Grove "funcionan conforme a unhas normas básicas de convivencia que deberían ser fomentadas". Denuncian que o exceso de lexislación e regulamentación á que o tripartito "está sometendo aos veciños e veciñas, aos sectores produtivos e ata ós visitantes está afogando a vila, que vai vendo como se reducen os elementos atractivos de venda".
Sospeitan que esta ordenanza responde a "intereses ocultos pouco éticos e trasluce unha forma de facer política baseada na penalización e nuns obxectivos de recadación desmedidos". Por iso é polo que se opoñan á maior parte das propostas suscitadas nesta nova normativa, algunhas delas ao entender que "se propoñen normas que van máis aló das competencias municipais".
Neste sentido, os concelleiros do PSOE anuncian que "en ningún caso" admitirán unha normativa que permita multar "mediante unha valoración totalmente subxectiva que determine se podes realizar ou non estas actividades", como aseguran que provocará a prohibición de escoitar música cun volume alto ou das actividades deportivas que poidan molestar a outros usuarios.
"ÿ unha falta de respecto ao considerar os usuarios das praias como seres incivilizados e faltos de educación"
Por iso, reclaman que se retire a súa consideración de infraccións leves, que conlevan unha multa de entre 60 e 300 euros. ÿ a mesma contía que se imporá a aquelas persoas que mexen no mar. Outra das prohibicións que non acepta o PSOE. Suscitar esta cuestión é, para os socialistas, "unha falta de respecto ao considerar os usuarios das praias como seres incivilizados e faltos de educación".
Pero ademais do "exceso regulador" desta ordenanza, o PSOE entende que o goberno municipal demostra "un total descoñecemento da realidade do Concello". Aseguran que se ía a prohibir o nudismo "sen ter en conta que se trata de praias que atraen a un elevado número de turistas" ou reitérase a prohibición de facer lume nas praias "o que faría inviable a instalación das fogueiras da noite de San Xoán".
Ademais, coa prohibición de estacionamiento e circulación de vehículos nas praias "supón negar a práctica habitual dos mozos e mozas do Grove de acudir ás praias en bicicleta, feito que raia o surrealismo máis absoluto", ou que o feito de deixar na praia parasois, toallas e demais complementos sen que estea presente o seu propietario "provocará que aquelas persoas que queiran dar un paseo pola praia, bañarse, ou ir comer a un chiringuito poidan atoparse, ao seu regreso, cunha multa de entre 60 e 300 euros".