A partir do luns, toca vacinarse da gripe
Por Redacción
A partir deste luns 19 de outubro comeza na provincia de Pontevedra unha nova campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que estará vixente ata o vindeiro 19 de decembro.
Segundo informa a Consellería de Sanidade, nesta ocasión haberá arredor de 250 puntos de vacinación, repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios e os centros de atención a discapacitados.
A campaña de vacinación fronte á gripe e o pneumococo está destinada a todas as persoas da provincia que teñan 60 ou máis anos e ás pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da vacina antigripal as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, persoas institucionalizadas con procesos crónicos, as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias, os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina, as persoas con obesidade mórbida e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.
Tamén se inclúen na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais de toda a provincia de Pontevedra, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves e os viaxeiros internacionais.
Utilizaranse dous tipos de vacina: unha para poboación xeral e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viva en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Ademais, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.
Os interesados en vacinarse na provincia de Pontevedra deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de como solicitar a cita
Os interesados en vacinarse na provincia de Pontevedra deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de como solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.
A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra reitera á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, solicitan á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial da provincia, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.
Como novidade, Sanidade porá en marcha unha páxina web (http://gripe.sergas.es) con información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como aspectos prácticos para a cidadanía.
DATOS DE 2014
Con respecto aos datos da campaña anterior, os responsables de Sanidade destacaron que na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés administráronse no ano 2014 un total de 43.621 doses. Delas, 31.326 correspóndense con maiores de 65 anos, polo que se acadou unha cobertura do 49%.
Con respecto da vacina antipneumocócica, rexistráronse 4.002 doses, das que 454 inoculáronse a persoas de 65 anos, o que representa unha cobertura poboacional do 12%.